Os mariñeiros galegos en Noruega apañan máis apoios na súa loita polas pensións

Protestas dos mariñeiros galegos de Noruega na Coruña © Long Hope

Na súa loita de meses e meses polas pensións que lle nega Noruega, os ex mariñeiros galegos seguen apañando apoios, non só en Galicia e no Estado, senón tamén en Europa. No comezo deste outono, o prestixioso avogado nórdico, Øivind Østberg presentará unha demanda colectiva destes xubilados contra o Estado noruegués para reclamarlle que lles pague os cartos que lles adebeda desde hai anos. Pero antes, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) deberá emitir o seu ditame pola demanda que Austria presentou tamén contra Holanda polos mariñeiros do seu país que traballaron en buques holandeses.

O Estado personouse na vista oral da causa que Austria mantén contra Holanda en Europa, cuxa sentenza será fundamental para o futuro das demandas dos mariñeiros galegos

É o caso unha situación semellante á que afecta os mariñeiros galegos, xa que unha sentenza favorable a Austria facilitaría atopar un arranxo para o caso de Galicia e do Estado, que mandou dous avogados á vista oral onde se personou o Goberno de España. A intervención foi moi ben recibida pola asociación Long Hope de ex mariños galegos, pero o seu voceiro, Alberto Paz, prefire manter a cautela é lembra que "a axuda que chegou de Madrid non foi nin é dabondo". "Non hai nin houbo a contundencia necesaria ante tal inxustiza", lembra. 

É a que que sofren arredor de 10.000 mariñeiros galegos e as súas familias que pelexan polo cobro das súas pensións tras anos ocupados no estranxeiro. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo, uns 520 millóns de euros en impostos.

Long Hope apaña apoios na Eurocámara tras conseguir a implicación das formacións políticas galegas

Na sede do TXUE tamén estiveron Øivind Østberg e Xosé Manuel Carril, xurista, x voceiro do BNG no Concello da Coruña e un dos maiores expertos no réxime laboral especial no mar. Un informe seu sobre o tema sinalou a inxustiza social de non ter cobrado a pensión ao non ter en conta Noruega que os buques onde traballaban non son máis que un cacho de terra do pavillón cuxa bandeira levaba. Xa que logo, o Estado tería gañado a demanda se acudise ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) -tal e como lle reclamaron desde Long Hope-, pero decidiron seguir por unha liña máis diplomática. 

Mentres, o colectivo de mariñeiros galegos segue acumulando apoios tras reunirse en Bruxelas esta semana coa Confederación Europea do Transporte, co grupo do PSOE no Parlamento Europeo ou con Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, "a única formación que non amosara o seu apoio explícito á causa". "Cada vez temos máis apoios, pero faltounos o do Estado", di o voceiro dunha asociación que xa recibira o apoio de todas as formacións en Galicia, especialmente de BNG e AGE. 

Sexa como for, os mariñeiros seguirán saíndo á rúa. Este mesmo venres volverán mobilizarse en Compostela e será a trixésima ocasión na que o fagan ante a sede da Xunta. 

Protesta dos mariñeiros galegos contra o Goberno noruegués © Long Hope

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.