Os medios en galego celebrarán a súa festa o 27 de abril

Dominio Público Praza Pública

Vitaminas para o Galego, a plataforma na que colaboran 24 medios de comunicación na lingua propia, organiza un festival na Gentalha do Pichel, no que actuará Terbutalina e que comezará cun festival poético a cargo de Olalla Cociña, Xia Arias, Alicia Fernández e Gonzalo Hermo. As entradas saen a só 4 euros (5 o día do concerto) e haberá unha fila cero para os que queiran colaborar aínda máis a 10 euros. Todos os beneficios do festival serán destinados a sufragar o mantemento da propia campaña e dos medios en galego, que nos últimos anos sufriron importantes baixas.

No mesmo festival darase conta do proxecto en marcha de cara ao gran evento do 17 de maio, que Vitaminas para o Galego está preparando co gallo do Día das Letras Galegas. A actuación é a primeira iniciativa da segunda fase da campaña, lanzada este inverno. A primeira fase logrou duplicar o obxectivo de recadación inicial, inxectando 6.800 euros grazas a colaboración de case 200 mecenas.

 

Medios participantes

A campaña Vitaminas para o Galego está artellada por Tempos Novos, Galicia Confidencial, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta. Colaboran, ademais, Xornal Certo, O Sil.info, Crónica 3, Radio Nordés, Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca, Surf GZ, Cardenos de Comunicación e Análise, Lalín e Comarca, Hermes e Atenea, Disquecool, De Luns a Venres, Cabozo.com, Vencello, Cartafol, A nova Peneira, Programa radio Plástico Elástico, Cerne, Terra de Melide e Gaceta de Fene.

A iniciativa diríxese a todas as persoas que queren contribuír a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Para logralo, resulta imprescindíbel a existencia dunha pluralidade de medios de comunicación en galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.