A Plataforma pola defensa da Montaña e do Rural camiña un ano máis en defensa dunha educación pública e gratuíta “de todos e para todos”. Comezaron este camiño o sábado 13 de xullo na Praza do Obradoiro ás 10 da mañá, onde se leu un pequeno manifesto onde falaron dos motivos desta forma de protesta, das súas reivindicacións e inquedanzas.
“Como somos xente de palabra continuamos o camiño, un camiño que emprendemos aquel 14 de xullo do 2012 dende o Monte do Cebreiro, lugar de peregrinación ó Santo Milagro, en defensa da educación pública, gratuita de todos e para todos e que non pensamos deixar”. Dende que comezaron os recortes, centos de nais, pais, profesores, alumnos e simpatizantes deste movemento levan loitando “por unha boa educación e unha base para o futuro das vindeiras xeracións, das comunidades, dos pobos, dos paises do mundo enteiro, porque os nosos fillos e fillas teñen dereitos, porque non son números”.
Cada fin de semana fan unha etapa dun camiño entre Compostela e Fisterra, que pretenden rematar o 7 de setembro, para chamar a atención das administracións, xusto no comezo das clases. Segundo comenta Belén Martínez, da anpa do Incio, “ata o de agora non tivemos ningunha concesión, pero si puxeron na páxina web da Xunta que todas as manifestacións quedaban desacreditadas, ven que o pobo se move e miran para outro lado”. A pesar das dificultades, estas nais e pais non se renden: Como non conseguen unha audiencia co conselleiro, conseguiron falar co xefe territorial de Lugo, ao que abordaron no seu despacho e lle explicaron a súa situación. “Chegounos a negar que ao día seguinte sairían as listas provisionais, cando era unha evidencia. Prometeunos estudar o caso dunha rapaza con necesidades específicas que precisa mestres de apoio e segue sin ter. Polo menos, conseguimos un cita con el para o 27 de agosto, onde lle explicaremos con tempo caso por caso”, explica.
"Os profesores fan un labor titánico intentanto levar 4 e 5 cursos á vez e cunhas idades tan dispares. En ocasións hai rapaces que teñen que saír ao pasillo a realizar os seus exames, estamos volvendo á situación de décadas atrás"
A principal demanda é que se cumpran as necesidades básicas: “son as mesmas que en clases de 20 ou 30 rapaces, no noso caso por exemplo os rapaces de infantil son o 40% e non temos especialista en infantil, como se entende iso? Ademais das necesidades específicas que teñen moitos dos nenos sin un mestre de apoio. Son peticións lóxicas, que igualarían os dereitos dos nosos nenos cos da cidade”. No caso do Incio este pasado ano agruparon os cativos de infantil, primeiro e segundo nunha aula e aos de terceiro, cuarto, quinto e sexto noutra. “Isto nunha cidade sería impensable, os profesores están facendo un labor titánico intentanto levar 4 e 5 cursos á vez e cunhas idades tan dispares. En ocasións hai rapaces que teñen que saír ao pasillo a realizar os seus exames, estamos volvendo á situación de décadas atrás”.
“Esta situación déixanos en inferioridade coas familias e nenos das cidades, é inconstitucional que non todos teñan os mesmos dereitos”
A loita deste movemento ten apoios de diversas asociacións, dende Adega ata a Mesa Galega de Educación. Aclaran que tiveron apoio de varios partidos políticos que quixeron poñerse en contacto con eles, pero “rexeitamos este apoio porque a nosa non é unha movilización política, é un movemento social que defende os dereitos do rural. Estamos cansos que nas campañas digan que lles preocupa o rural e unha vez no poder nos dean as costas”. Belén Martínez recalca que “o rural ten que fomentarse, non se pode esquecer que en Galicia vivimos do rural, gran parte do que se consume nas cidades prodúcese no campo galego e esta política estao exterminando, ninguén quererá vivir aquí se non ten acceso a unha educación ou sanidade digna e de calidade”, afirma, “esta situación deixanos en inferioridade coas familias e nenos das cidades, é inconstitucional que non todos teñan os mesmos dereitos”.
O ano pasado, con motivo do primeiro camiño en defensa da educación pública e de calidade no rural, Fílmika Galaica sacou á luz un vídeo contando a súa historia. Somos Acó recolle a súa loita con declaracións dos principais afectados baixo a canción “Que chova, que chova, que chova mais que non mexen por nós”.