Un dos argumentos empregados polo Goberno municipal compostelán para defender o derrubo da Casa da Xuventude é o de que a proposta partiu do congreso A Cidade Intuída, unhas xornadas técnicas promovidas en 2010 polo Concello e o Colexio de Arquitectos que, en efecto, serviu de base para o acordo plenario que en 2011 deu inicio ao proceso de retirada do edificio.
A Cidade Intuída celebrouse entre setembro de 2010 e marzo de 2011 e nas súas sesións participaron un gran número de arquitectos, arquitectas e urbanistas, que realizaron ducias de propostas concretas para repensar a cidade e intervir sobre o espazo público. "Non se trataba dunha representación virtual de proxectos xa previstos, senón de realizar un exercicio de imaxinación, con bases rigorosas e técnicas, que permitise aventurar e recrear posibles realidades dun futuro próximo, e ensaiar as distintas direccións que a cidade podía tomar, precisamente como reflexión previa para orientarnos nesa andaina", explicaban os seus organizadores.
Entre as propostas e reflexións, que se poden consultar nunha publicación editada nese momento polo Concello, estaba a de derrubar a Casa da Xuventude para conectar o Parque de Belvís coa Porta do Camiño, pero había moitas outras "con máis intención transformadora a nivel territorio, cidade e mobilidade", subliña o blog Urbe d'Compostela, que "foron olvidadas". Esquecidas ou non, dende logo hoxe non parecen estar sobre a mesa.
Había algúns proxectos realmente ambiciosos de reforma do entramado urbano, por exemplo o que propoñía o "soterramento da vía entre San Clemente e Carreira do Conde, facilita a circulación dos vehículos entre Pombal e Rosalía de Castro", humanizando tamén a Senra, e unindo deste xeito a Zona Vella coa Alameda e co Ensanche, formando un continuo urbano que lle dese unidade ao centro da cidade. Nesta proposta tamén se suxerían algunhas ideas moi novidosas, coma o aproveitamento do interior dalgunhas mazás do Ensanche para o seu uso como patios públicos: "supón explorar un territorio acoutado non visible, que pode ser o inicio dun novo xeito de entender a cidade que, de non facelo, acabará por esgotar o espazo que contén".
Defendeuse a recuperación e promoción dos antigos camiños, facendo destas vías "unha alternativa peonil e ciclista ao uso do automóbil"
Outras propostas, no entanto, eran igual de ambiciosas na súa concepción, pero moito máis baratas e facilmente executables. Defendeuse a recuperación e promoción dos antigos camiños en todo o amplo territorio deste Concello, facendo destas vías "unha alternativa peonil e ciclista ao uso do automóbil" e recuperando "a capilaridade da cidade co seu territorio rural". De igual xeito, propúxose a potenciación dun corredor fluvial aproveitando o río Sarela e as súas canles, "integrando solucións aos nosos problemas actuais e a resposta a demandas sociais crecentes como vida sa, alimentación de calidade e relación coa natureza en entornos urbáns". O corredor fluvial combinaría a restauración do estado de saúde do río, coa reconfiguración do sistema xeral de saneamento e a habilitación de percorridos peonís.
Tamén se debateron reformas para varios dos barrios do centro da cidade, por exemplo para San Pedro, reordenando o tráfico e potenciando o eixo Concheiros-A Trisca como alternativa a Concheiros–San Pedro
Tamén se debateron reformas para varios dos barrios do centro da cidade, por exemplo para San Pedro, reordenando o tráfico e potenciando o eixo Concheiros-A Trisca como alternativa a Concheiros–San Pedro, "captando parte da súa complexidade, introducindo novos fluxos ao interior do barrio, provocando a aparición de novos usos, abrindo e revitalizando o barrio, invitando á cidadanía a participar do que alí ocorra". Ademais, peatonalizaríase, As Trompas accedendo ao aparcadoiro do parque de Belvís exclusivamente dende o Seminario. E crearíase un corredor peonil entre a Costa do Veedor e o Miradoiro da Trisca.
Ou para San Roque, onde se aplicaría un "tratamento de continuidade co recinto monumental", limitando a rúa a un só carril e "superando a fractura de borde a través da recuperación dos espazos de convivencia e paseo, a racionalización do uso do vehículo privado e do transporte público". Ademais, promoveríanse percorridos alternativos de carácter transversal, "que superen o illamento da Almáciga e poñan en valor o tecido viario tradicional preexistente, enlazando os espazos verdes do norte".
Na rúa Virxe da Cerca, hoxe vía de comunicación interna fundamental para o tráfico rodado, propoñíase un debate sobre "se é imprescindible que os vehículos privados e públicos teñan que utilizala con tanta intensidade" ou se "é lóxico que o 30% dos baixos de Virxe da Cerca non teña actividade". Tamén se poñía en dúbida a necesidade da existencia dun aparcadoiro público na Praza de Galicia, que podería ser substituído por un só para residentes. En definitiva, propoñíase a conversión de Virxe da Cerca nunha vía dun só carril, promovendo o seu uso peonil, e a potenciación da Avenida de Lugo para o tráfico interno da cidade.
Propoñíase a conversión de Virxe da Cerca nunha vía dun só carril e a potenciación da Avenida de Lugo para o tráfico interno da cidade
Finalmente, as reflexións tamén atinxían á relación entre a Cidade da Cultura e a propio centro de Compostela, e facíanse varias propostas para conectar os dous espazos, favorecendo o uso público das caras instalacións construídas no Gaiás. Entre as ideas estaban a conexión a través de zonas verdes e peonís ou aproveitando a nova estación intermodal.
As reflexións tamén atinxían á relación entre a Cidade da Cultura e a propio centro de Compostela
As xornadas, coordinadas por Javier Fernández Muñoz e Carlos Quintáns Eiras, completáranse con debates e reflexións máis xerais sobre o espazo público, a relación entre as zonas urbanas e as zonas rurais que as circundan ou sobre a reapropiación do espazo público por parte das persoas. Porén, como sucede moitas veces con este tipo de achegas, a maior parte das ideas desenvolvidas nestas sesións semellan lonxe de ser aplicadas.