A iniciativa Semente de Monforte, nacida o pasado ano co impulso do premio da lotaría caído na vila lucense, deu a coñecer esta fin de semana os gañadores do concurso de proxectos empresariais que lanzou hai uns meses. Ao certame presentáronse un total de 81 proxectos, dos que foron seleccionados dez, que presentaron as súas iniciativas nunha sesión que tivo lugar no parador de turismo de San Vicente, resultando tres gañadores.
Trátase de E-Monte, unha plataforma dixital de compra-venda de madeira, que recibirá 10.000 euros. En segundo lugar, Weed Control, unha asesoría para explotacións agrarias ecolóxicas, que levará 6.000 euros. E, terceiro, Keko e os Tukos, unha app de entretemento para dispositivos móbiles dirixida ao público infantil, que obtén 4.000 euros. E-Monte é unha plataforma web que permitirá poñerse en contacto a propietarios de plantacións forestais e empresas compradoras de madeira. Nos vindeiros meses iniciará, grazas á achega do concurso, un proxecto piloto no sur da provincia de Lugo. Tamén Weed Control, comezará a traballar nos vindeiros meses na comarca de Lemos, ofrecendo colaboración para explotacións de agricultura ecolóxica, sobre todo no relativo ao control de especies daniñas para os cultivos.
Unha web de compra de madeira, unha asesoría de agricultura ecolóxica e unha app para público infantil obteñen os premios do concurso de proxectos empresariais
O concurso estivo financiado por 16 empresas: Aceites Abril, Anjoca, Azkar, Barbosa e Hijos, Bricoking, Cesmauto, Curtidos Coiro, Dimaga, Estrella Galicia, Gadisa, Inveravante, Monbus, Pérez Rumbao, Promotora Audiovisual Somos Som, R y Regina Viarum. E tamén contou coa colaboración do IGAPE e das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo. Integrantes de varias destas empresas e entidades conformaron o xurado, de 22 persoas, que decidiu os gañadores e gañadoras dos premios.
En xaneiro de 2014 un grupo de veciños e veciñas de Monforte puxo en marcha Semente, buscando que os 120 millóns de euros que a Lotaría do Neno deixara na vila "revertesen" na localidade. Procurábase a posta en marcha dunha fundación, Fundación Semente de Monforte de Lemos, a partir dos cartos que puidesen reunir entre os premiados e premiadas, ademais doutras achegas. Porén, finalmente a cantidade recadada, 6.800 euros, resultou insuficiente para a creación desta fundación, pero si permitiu lanzar este concurso de proxectos empresariais para a vila, de xeito que se conseguise a dinamización laboral e económica promovida nun comezo.