Os primeiros incendios do ano coinciden con críticas á privatización e á eliminación de brigadas

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

Quiroga, Cuntis, Xermade... Aínda estamos no inverno e Galicia comeza xa a sufrir os primeiros incendios do ano, algún de certa importancia, coma o que hai unhas semanas arrasou 35 hectáreas no Courel, o que esta semana afectou 80 hectáreas en Carballeda de Valdeorras, ou os que aínda este martes e mércores queimaron outras 50 hectáreas en Xermade. Coincidindo con estes primeiros focos, hai xa uns días que os responsables da Asociación Profesional do Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (Apropiga) manifestaron a súa preocupación pola ausencia dunha axeitada planificación á hora de deseñar a estrutura de prevención e extinción para a presente campaña. Ademais desta crítica xeral, son varias as denuncias concretas de eliminación de brigadas en distintas zonas do país, e do mal funcionamento xerado pola fragmentación do dispositivo e pola externalización e privatización dunha parte del. Unhas críticas que coinciden igualmente co conflito laboral aberto en Natutecnia, que xestiona seis parques de bombeiros do país.

Apropiga sinalou este mércores que a consellaría do Medio Rural vén de eliminar una nova brigada do Servicio Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (Spdcif), neste caso a Brigada de Castromao, con base na comarca de Celanova (que abrangue os concellos de A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea) e pertencente ao distrito XII (Miño-Arnoia). Apropiga salienta que a desaparición desta brigada supón "unha importantísima reducción nos medios cos que conta o distrito XII xa que desenvolvía a súa labor de prevención e extinción de incendios forestais en concellos como o da Merca que, no ano 2013, solicitou a declaración de zona castastrófica despois de sufrir un dos incendios máis graves desa campaña". Lembran, a este respecto, que a provincia de Ourense, en xeral, e o distrito XII, en particular, "teñen unha especial incidencia de lumes -superior á media do resto de Galicia- polo que consideramos inexplicable que a Consellería de Medio Rural ordene a desaparición da brigada".

Hai poucas semanas foi eliminada outra brigada no Distrito XVIII (Vigo-Baixo Miño). Esta decisión da Xunta de implica unha importantísima redución nos medios con que conta este distrito, no que o pasado verán se produciu un dos maiores incendios forestais

Hai poucas semanas foi eliminada outra brigada no Distrito XVIII (Vigo-Baixo Miño). Esta decisión da Xunta de implica unha importantísima redución nos medios con que conta este distrito, no que o pasado verán se produciu un dos maiores incendios forestais, con inicio en Oia, e que despois calcinou montes do Rosal e de Tomiño. A Mancomunidade de Municipios do Baixo Miño, que agrupa os concellos de Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, xa acordou por unanimidad opoñerse á supresión e, de feito, o presidente da Mancomunidade e alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, tivo que lembrar publicamente que xa o ano pasado se denunciara a escaseza de medios humanos de extinción, agora agravada.

Segundo Apopriga, "a eliminación de brigadas estase producindo en zonas de alto risco de incendios que son reiteradamente castigadas polos lumes e que van quedar este ano expostas e indefensas por esta decisión unilateral da consellería de Medio Rural". O colectivo denuncia que "este é outro dos pasos dunha privatización encuberta e silenciosa que Medio Rural está a xermolar".

Segundo Apopriga, "a eliminación de brigadas estase producindo en zonas de alto risco de incendios que son reiteradamente castigadas polos lumes e que van quedar este ano expostas e indefensas por esta decisión unilateral da consellería de Medio Rural"

A entidade explica que dende hai meses "non se cobren os postos que están vacantes nin as baixas de longa duración, o que provoca que as brigadas queden con escasos efectivos, ou sexa, que as brigadas, en vez de estar compostas por sete bombeiros forestais, só teñen catro membros e iso xustifica, segundo a mesma consellería que non cubre esas vacantes, a súa desaparición pasando eses catro traballadores a formar parte doutra brigada á que lle pasa exactamente o mesmo". A consecuencia, para Apopriga "é clara: menos brigadas e menos medios para afrontar os incendios forestais ou para facer prevención nos meses de inverno nos que, precisamente, máis falta fai".

Apopriga demanda que o modelo de loita contra o lume debería ser "público e profesionalizado", algo que non se cumpre: "o modelo que queren é un modelo privatizado e que xere rendibilidade electoral de cara ás próximas eleccións", denuncian, en referencia aos contratos externos que a Xunta asina con empresas como Natutecnia e tamén á creación de brigadas municipais, "nun claro intento de crear unha rede caciquil baseada na premisa de que os postos de traballo temporal nas brigadas municipais se darán a cambio de votos. Só hai que ver os procesos selectivos que se fixeron o ano pasado en moitos concellos para darse conta de todo isto que denunciamos".

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.