Con motivo das últimas novas sobre a investigación que logrou realizar, por case 300.000 euros, a primeira hamburguesa sintética a partir de células nai de vaca, o Sindicato Labrego Galego (SLG) manifesta a súa oposición a este "modelo de produción tiránico que supón o enriquecemento sen escrúpulos das corporacións alimentarias que queren que comamos o que elas queren e como elas queren". Defenden que hai que facer o posible "para que todos os pobos do mundo estean ben alimentados sen renunciar a comer o que queiran, o que a súa cultura lles aconselle, ou o que na súa contorna poidan producir. A alimentación non debe ser un negocio".
"A alimentación non debe ser un negocio"
O sindicato relaciona esta última "achega" ao mundo da alimentación artificial cos xa coñecidos productos transxénicos: "as grandes corporacións queren converter a alimentación humana no seu negocio, aínda que sexa a costa de que persoas que queren consumir, e polo tanto alimentarse con carne de vaca, quedan condenadas a facelo cun sucedáneo sintético producido dun xeito onde ninguén investigou as posibles consecuencias que pode ter para a saúde humana". Cren que este tipo de alimentación marcará exclusións sociais onde os que teñan cartos suficientes "seguirán comendo carne de vaca de verdade e os que non terán que acudir a esta".
Os que teñan cartos suficientes "seguirán comendo carne de vaca de verdade e os que non terán que acudir a esta"
As posibles consecuencias deste novo tipo de produción serán "o peche das explotacións de carne de vaca de Europa e ir ás listas do paro para que a corporación alimentaria de turno patente o invento e quede co seu mercado, obrigando os consumidores e consumidoras de carne animal a consumir carne sintética", afirma o sindicato, que conclúe: "ninguén quere esa carne, só eles, que queren satisfacer a súa ambición facendo negocio da alimentación". Denuncian ademais que os argumentos que usan para defender este tipo de alimentos son os mesmos que empregan para os transxénicos: "só faltaría que os que comercialicen e patenten esta carne sexan os mesmos que comercionalizaron e patentaron os transxénicos".
"O problema é dun modelo productivo intensivo e a costa de agrotóxicos, fito e zoosanitarios introducidos pola revolución verde dos anos sesenta", afirman. "Representa cincuenta anos de fracaso agroalimentario", conclúen. Dende o sindicato reivindican outro modelo productivo respectuoso co medio, que produza partindo dos principios da agroecoloxía.