Os reis inauguran o curso entre protestas polos recortes no ensino público

A Garda Civil, ante os manifestantes en Pereiro de Aguiar Dominio Público @caravelete

Pancartas, berros e consignas recibiron os reis de España, que acudiron ao CEIP Ben-Cho-Sey, en Pereiro de Aguiar, para inaugurar o curso escolar xunto ao ministro de Educación, José Ignacio Wert; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno, Samuel Juárez; ou a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo. Felipe VI e Letizia de Borbón recibiron aplausos dalgúns dos presentes, pero tamén sentiron as protestas que varios membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público realizaron a poucos metros do centro. "Os cartos dos borbóns para a educación" ou "Galiza non ten reis" púidose escoitar dos manifestantes, dos cales trinta, segundo denuncia CIG-Ensino, foron retidos para evitar que se achegasen máis ao lugar onde se desenvolvían os actos.

Dúas nais do ANPA aproveitaron para entregarlle unha carta a Letizia coas súas queixas sobre a situación do centro e contra os recortes

Ás protestas contra os recortes no ensino público, a privatización ou a Lomce uníronse tamén proclamas contra a monarquía. Os propios reis puideron comprobar o rexeitamento dos implicados á política educativa dos actuais gobernos do PP. Nos seus saudos ao director do centro de Pereiro de Aguiar, dúas nais do ANPA -tamén convidadas ao acto- aproveitaron a ocasión para entregarlle a dona Letizia un sobre con varios documentos nos que, segundo aseguraron aos xornalistas, incluíanse demandas como un cambio de horario no centro -pola imposibilidade de conciliación familiar ante o reducido do transporte escolar- ou a ampliación do comedor e doutras instalacións. Ademais, tamén houbo peticións da Asociación Galega do Síndorme de Down, que protestan contra a eliminación de axudas ao colectivo por parte da Xunta.

O rei Felipe VI instou a aumentar "a calidade da educación urxentemente" en España, tras constatar, segundo dixo, que segue "con problemas moi graves". O monarca español pediu axeitar a oferta formativa á demanda da economía, "adaptándoa á sociedade do coñecemento e ao mundo globalizado" e lembrou a elevada porcentaxe de mozos que abandonan os estudos moi cedo.

Ante esta inauguración do curso por parte dos reis, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia que o conselleiro de Educación estea “máis preocupado polo rei de España que por solucionar os problemas do alumnado". Para os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez, cando o a redución de profesorado nos centros públicos "é brutal", cando a Xunta de Feijóo segue a "financiar –mesmo sen atender sentenzas xudiciais- centros que segregan por sexos", cando se pechan aulas e escolas, “o único que debería facer o señor Vázquez é preocuparse de solucionar a situación do ensino público de Galicia e non por cumprir o co lamentábel protocolo dunha monarquía decadente e deslexitimada socialmente”.

“Ante un novo comezo de curso convulso e marcado, un ano máis, polas retalladas”, conclúen Ron e Vázquez, “o conselleiro o que ten que facer é centrarse en solucionar os graves problemas da súa área, ou ben, como xa lle esiximos máis dunha vez, dimitir”.

HABERÁ AMPLIACIÓN

 

 

A Garda Civil, ante os manifestantes en Pereiro de Aguiar Dominio Público @caravelete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.