Os ríos de Monforte serán limpados, despois de máis dun ano de demandas por parte do Concello

Río Cabe, ao seu paso por Monforte © Jesús R. Montero

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil limpará todos os cauces fluviais dentro do casco urbano de Monforte, tanto o río Cabe coma outros regatos, nun plan que inclúe actuacións noutros 34 ríos da provincia de Lugo. Así o comunicaron este mércores en Lugo o presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Marín, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, e o subdelegado do Gobierno en Lugo, Ramón Carballo.

Ante as acusacións formuladas polo Partido Popular, que afirmaba que o Goberno municipal non actuara para forzar a Confederación Hidrográfica a tomar esta decisión, o rexedor decidiuse este mércores a publicar na web do concello as devanditas cartas

O que debería ser tan só un trámite rutineiro, e pouco noticiable, chega, sobre todo no caso de Monforte, despois de case un ano de reclamacións oficiais por parte do Concello. O alcalde monfortino, Severino Rodríguez, remitiulle no último ano tres cartas á Confederación Hidrográfica Miño Sil para que cumprise coas súas obrigas. Ante as acusacións formuladas polo Partido Popular, que afirmaba que o Goberno municipal non actuara para forzar a Confederación Hidrográfica a tomar esta decisión, o rexedor decidiuse este mércores a publicar na web do concello as devanditas cartas. As misivas, datadas en setembro 2012 e marzo e maio de 2013, non obtiveron resposta por parte de Francisco Marín.

No primeiro dos escritos, Severino Rodríguez alertábao de que "dende hai uns meses o tramo urbano do río, especialmente entre a pasarela do Malecón e a Ponte Nova, atópase invadido por troncos procedentes do arrastre, por algas e plantas de diversa índole e por innumerables restos de maleza, o que lle outorga un aspecto lamentable e pouco saudable" e engadía que "ademais do deplorable aspecto visual que nos ofrece o río Cabe coa presenza de todos estes restos, descoñezo ata que punto pode afectar tamén á saúde das súas augas e, polo tanto, a tódalas formas de vida que nel se desenvolven". Concluía solicitando "que o organismo de cunca que vostede preside proceda de maneira urxente a limpar o cauce do río Cabe no seu tramo urbano de Monforte de Lemos". Unhas peticións semellantes repetíronse nas dúas cartas seguintes.

Río Cabe, ao seu paso por Monforte © Jesús R. Montero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.