Os sindicatos denuncian "fraude" nas contratacións de 'Foro Aberto'

Carlos Luis Rodríguez e Pablo Acción, en 'Foro Aberto' © CRTVG

CIG, UGT e USO presentaron o pasado venres unha denuncia, perante a Inspección de Traballo de A Coruña, contra a CRTVG por fraude na contratación mercantil de Carlos Luís Rodríguez e Pablo Acción, presentadores do programa de debate Foro AbertoArgumentan que a contratación destes presentadores "encobre unha relación laboral de natureza ordinaria, que como tal debería prestarse por persoal laboral da TVG". E engaden que "a canle pública dispón de excelentes profesionais que poderían desempeñar as tarefas de presentación e moderación dos debates sobre cuestións de actualidade coas garantías profesionais e éticas que demanda a cidadanía galega". 

Segundo as centrais sindicais, con estas contratacións a TVG "trata de eludir o vínculo realmente laboral, neste caso de empregado público, cuxa actividade debe perseguir a satisfacción dos intereses xerais dos cidadáns e fundamentarse en consideracións obxectivas orientadas cara á imparcialidade e o interese común, á marxe de calquera outro factor que exprese posicións persoais, familiares, corporativas, clientelares ou calquera outra que poida colidir co estes principios", conforme ao disposto no artigo 53 do Estatuto Básico do Empregado Público.

Sinalan tamén que a utilización por parte da TVG deste tipo de contratacións "representa un gasto económico inxustificado en momentos de crise e de recortes"

Sinalan tamén que a utilización por parte da TVG deste tipo de contratacións "representa un gasto económico inxustificado en momentos de crise e de recortes que están afogando a canle pública, o emprego, os dereitos laborais dos seus traballadores e traballadoras e a calidade do servizo público de radiotelevisión".

Os sindicatos lembran unha recente sentenza do Tribunal Supremo, ditada o pasado mes de febreiro, que fixa que deixa clara a relación laboral dos participantes nos faladoiros xornalísticos

De igual xeito, os sindicatos lembran unha recente sentenza do Tribunal Supremo, ditada o pasado mes de febreiro, que fixa que deixa clara a relación laboral dos participantes nos faladoiros xornalísticos, fronte á fórmula habitualmente empregada polas empresas, que os contratan mercantilmente para evitar asumir os custes dunha relación laboral ordinaria.

Lembran, así mesmo, que anteriormente Carlos Luís Rodríguez dirixía o programa baixo a modalidade de contratación artística. Este tipo de contratación, denunciada pola CIG en novembro de 2011, foi declarada en fraude de lei pola Inspección de Traballo, razón pola cal a Dirección da TVG optou por celebrar con este profesional un contrato mercantil.

Carlos Luis Rodríguez e Pablo Acción, en 'Foro Aberto' © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.