Familiares de vítimas, veciños que reclaman a exhumación dunha fosa, persoas que se uniron á querela arxentina contra o franquismo ou colaboradores da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Estes foron algúns dos testemuños que varios profesores universitarios do Reino Unido recolleron en Galicia na pasada semana durante a gravación dun documental sobre a represión franquista, a situación dos represaliados ou as nulas axudas do Estado para a reparación.
Profesores británicos comezaron en Galicia a gravación dun documental sobre a represión franquista e os traballos para exhumar fosas
Son profesores nas universidades de Montfort e Canterbury os que empezaron un percorrido por varios territorios do Estado. Comezaron en Galicia, onde fixeron as primeiras gravacións, e atópanse xa no Bierzo dando conta do traballo da ARMH desde que en 2002 abrira a primeira fosa en España ou desde que en Galicia exhumara os restos do ex alcalde Severino Rivas, pai de Darío Rivas, impulsor da querela arxentina contra o réxime franquista. Pero a fita centrarase tamén nas "dificultades, a falta de fondos e subvencións das Administracións e os problemas polos que pasan aqueles que queren recuperar os corpos ou reparar as vítimas".
Así o explica Carmen García Rodeja, voceira e colaborada da ARMH en Galicia, unha das protagonistas do documental, que aclara que os profesores británicos quedan "moi sorprendidos" ao comprobar como "todo o traballo é voluntario e como as vítimas ou as entidades non reciben nin un peso en subvencións nin axudas". O que se contará tamén é como as probas de ADN se envían a Arxentina porque alí se fan de balde, como premios como o recibido pola organización en Nova York permiten continuar os traballos ou como é un sindicato de Noruega quen colabora economicamente para abrir fosas con asasinados que levan 80 anos esperando xustiza.
"Os profesores quedan moi sorprendidos de que as entidades non reciban nin un peso en axudas para recuperar os restos dos represaliados"
Entrevistas como as que leva a cabo o equipo do documental rachan un pouco co silencio que o medo impuxo na sociedade, pero non é doado. "É máis complicado do que se pensa. Costar cóstalles a todos, porque todos sofren cando contan aquelas terribles historias de torturas, cárceres ou desaparición, pero sempre hai quen fala máis e quen menos", explica García Rodeja, que é unha das colaboradoras da ARMH que no documental explica que a leva a axudar de maneira voluntaria e que lle achega este traballo. Esta é unha das tres patas nas que se baseou a gravación en Galicia.
Outra é a que se basea nunha fosa da Fonsagrada que foi exhumada grazas aos esforzos e peticións dos veciños, e non dos familiares. "Un caso peculiar e curioso porque foi a xente da zona quen achegou datos e reclamou a apertura daquel soterramento", explica García Rodeja, que destaca como o esforzo das xentes do lugar permitiron tamén contactar cos familiares, "cando adoita ser ao revés". "Queríamos estudar este caso", di.
A exhumación dunha fosa, os denunciantes na querela arxentina ou os colaboradores da ARMH centran a parte galega do documental
Ao tempo, os profesores británicos entrevistaron varios denunciantes que se sumaron á querela promovida en Arxentina para que a xustiza investigue a represión durante o réxime fascistas e cuxas peticións de extradición de varios dirixentes franquistas non foi atendida polo Estado. Celsa Díaz Cabanela, Antonia Fraguea ou Esther García foron algúns dos que explicaron como se senten as vítimas e familiares, así como as súas dificultades ou propósitos á hora de denunciar. Ademais, tamén houbo gravacións a representantes de familias protagonistas nas diferentes fugas por mar que permtiron salvar a vida de centos de persoas.
Relatarase, en definitiva, o esforzo da ARMH e doutras entidades por recuperar os corpos dos represaliados. Como os do antifascista galego Perfecto de Dios en Ávila, que serán entregados ao seu irmán, último guerrilleiro galego, en Xinzo de Limia o vindeiro 7 de xuño. Será unha das partes dun documental que será doado á ARMH e que se proxectará en varios lugares, ademais de ser difundido pola Rede. Será unha forma de rachar co silencio.