Os touros en TVE tiveron a metade de espectadores que o ciclismo

A televisión pública volveu retransmitir touradas despois de seis anos © TVE

A retransmisión este mécores dunha corrida de touros en horario infantil amosou o cada vez menor interese que este espectáculo esperta en España. Apenas un millón de persoas (1.157.000) viron o a tourada, un share do 12%, fronte aos máis de dous millóns que seguiron o final da etapa da Vuelta a España que a precedeu nas emisións de TVE. Coincidindo coa corrida retransmitida pola cadea pública, Sálvame tamén dobrou a súa audiencia, cunha media de 2.053.000.

Galicia foi a segunda comunidade na que a emisión tivo menos audiencia, con só o 6% dos espectadores nese momento, unhas 25 mil persoas. O mesmo sucedeu en Canarias (5,2%), Baleares (6,5%) e Valencia (8,4%) e a tourada tamén tivo menos espectadores que a media en Madrid (11,6%), Asturias (11,5%) e mesmo Andalucía (9,5%). Pola contra, rexistrou bos resultados de audiencia en Murcia (24% de share), Castilla-La Mancha (19,9%) e Aragón (18,8%). En Euskadi acadou un 12,9%.

Por idades, as persoas maiores de 64 anos foron os que máis viron o espectáculo, o 48,8 por cento de todos os espectadores. O segundo grupo de idade que máis viu a corrida foi o de entre 45 a 64 anos de idade (o 33,3%). Tan só o 17% dos espectadores tiñan menos de 45 anos (entre 25 e 44 anos o 12,3%, de 13 a 24 anos o 4,3% e de 4 a 12 anos 1,3%.

Galicia foi a segunda comunidade na que a emisión tivo menos audiencia, con só o 6% dos espectadores nese momento, unhas 25 mil persoas

A televisión pública regresou a esta práctica despois de seis anos de prohibición expresa en distintas normativas e no propio libro de estilo de TVE. O artigo 16 do Mandato Marco de RTVE sinala que "velará polos dereitos dos menores" e non difundirá, entre as 6 e as 22 horas "contidos que poidan prexudicar o desenvolvemento psíquico ou moral dos menores, axeitando a súa programación de conformidade coas prescricións contidas no Código de Autorregulación de Contidos Televisivos e Infancia e os mandatos parlamentarios aprobados nese sentido".

A televisión pública volveu retransmitir touradas despois de seis anos © TVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.