Os veciños de Sarria denuncian que as obras de encanamento carecen de licenza municipal

Manifestación en Sarria contra as obras na ribeira do río CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río

"Non conseguimos nada. Todo o que eles din que están dispostos a ceder ou a aprazar, é fume, é adiar unha condena a morte dunhas árbores e dunha illa”. Os integrantes da Plataforma Sarriana polo Río anunciaron este venres en rolda de prensa o mantemento das accións de protesta e de vixilancia para evitar que o plan de encanamento do río ao seu paso pola vila se desenvolvan de acordo co plan previsto polo Concello e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

As obras están paralizadas cautelarmente á espera de que os seus promotores resolvan as varias irregularidades que impiden a continuación dos traballos. Entre estas irregularidades está a ausencia de licenza municipal de obra, o que supón un grave incumprimento da Lei do Solo. "Estanse demolendo pontes, estanse facendo movementos de terras, todo sen licenza. Este tipo de obras, segundo a Lei de Augas de 2001, non están exentas da obriga de contar con licenza municipal. Só as obras hidráulicas de ámbito supramunicipal están exentas de licenza", destacouse dende a Plataforma, que este mesmo venres se dirixiu ao Concello para denunciar este feito. "Se non se atende este requirimento, entrariamos noutras vías xurisdicionais", indicaron. Ademais, salientaron que o pasado 27 de marzo de 2014 o xulgado de instrución de Sarria lle requiriu á Confederación a devandita licenza, unha mostra da obriga de contar con esta autorización.

Na rolda de prensa fixose un repaso  pola actividade legal e social dos últimos días, e lamentouse a falta de resposta da Xunta ante as varias denuncias presentadas, tanto ante o departamento de Patrimonio coma ante Medio Ambiente: "Ante esa falta de resposta na vía administrativa, cando a tala se reanudou esta semana, non nos quedou máis alternativa que acudir ao xulgado. Primeiro fomos á Garda Civil, onde pedimos unha paralización cautelar da tala e non se nos fixo caso, e a continuación presentamos a denuncia no xulgado e nunha hora a tala estaba paralizada".

"Os cartos que veñen de Europa son para evitar as inundacións. Non estamos en contra do encanamento, senón que estamos en contra do desbalde de cartos na nosa vila"

De igual xeito, denunciouse o desbalde de fondos europeos nun uso diferente a aquel ao que están destinados. "Supón un engano para Europa e para os veciños e Sarria. Os cartos que veñen de Europa son para evitar as inundacións e este en cambio é un proxecto que non vai solucionar as necesidades de Sarria. Non estamos en contra do encanamento, senón que estamos en contra do desbalde de cartos na nosa vila. Non imos permitir que se siga enganando", dixeron, despois de sinalar que “se o obxectivo destas obras é evitar as enchentes no centro de Sarria, non vemos nada afortunada que unha cantidade moi importante de cartos se destine a realizar un ornamento dunha parte do Malecón”.

Denunciaron a existencia de "presións" e "ameazas" contra algúns dos integrantes da Plataforma

Tamén se referiron aos feitos que tiveron lugar o pasado martes, co reinicio e posterior paralización das obras, e a intervención policial contra os veciños que buscaban defender o río: “Sarria foi o escenario dunha película de policías e ladróns. Sarria, que pode presumir de ser unha vila moi tranquila, apareceurodeada polos efectivos da Garda Civil, que nos desaloxaron da Ponte do Toleiro”. E tamén destacaron a masiva manifestación que tivo lugar esa mesma noite: “Foi a concentración máis numerosa das que se teñen celebrado. Iso contradí esas palabras que se din dende a alcaldía, de que somos catro violentos, catro radicais”. Así mesmo, denunciaron a existencia de "presións" e "ameazas" contra algúns dos integrantes da Plataforma e afirmaron que lles gustaría "saber se todo o grupo de Goberno comparte" os ataques persoais realizados polo alcalde.

Manifestación en Sarria contra as obras na ribeira do río CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río
A Garda Civil desaloxa os activistas no río Sarria CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río
Unha escavadora reinicia as obras no río Sarria CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.