Os veciños de Sarria seguirán vixiando por quendas que non se reinicien as obras

Vista áerea de Sarria, na que se advirte o 'corredor verde' que forma o río e as árbores da súa ribeira © Plataforma Sarriana polo Río

Chegou o venres 28, sinalado como "clave" dende o inicio do conflito polas obras no Malecón de Sarria por ser o límite teórico para talar as árbores antes da tempada de cría de aves. Chegou, e as obras seguen paralizadas ante a protesta da veciñanza da vila, organizada na Plataforma Sarriana polo Río. Porén, estes veciños xa anunciaron que manterán a vixilancia por quendas na illa do Toleiro até que se anuncie a retirada do proxecto ou cando menos a paralización oficial das obras.

Nos últimos incrementáronse os apoios públicos á protesta en Sarria e en toda Galicia, tanto por parte de forzas políticas, de persoeiros (Xosé A. Touriñán, David Amor ou Liborio García) que difundiron imaxes sostendo o cartaz de Mollámonos polo Río, ou cunha cazolada que percorreu pola noite as rúas da vila. 

Tamén foi o momento de escoitar as primeiras explicacións por parte dos promotores da obra, o Concello e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que defenderon a actuación en base a razóns "técnicas". A Confederación difundiu un comunicado no que afirma que as obras de "encauzamento" e de "eliminación de obstáculos" á auga son "prioritarias" por "localizarse na zona da canle con máis densidade de poboación" e acusou a plataforma veciñal de "xerar un alto grao de confusión entre os veciños de Sarria". A Confederación desmente o "valor patrimonial" das pontes que se prevé eliminar ou das árbores que pretende contar, un total de 93: "a maioría son alisos e outras especies de escaso ou nulo valor natural e algúns están afectados por un organismo patóxeno".

A Confederación Hidrográfica afirma que a actuación se basea unicamente en motivos técnicos, pero a Plataforma Sarriana polo Río acúsaa de ignorar os informes que desaconsellaban o proxecto

Pola contra, a plataforma veciñal esixe explicacións por parte da directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, pola afección que pode sufrir unha ponte medieval. E, sobre todo, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, departamento a que lle demandan unha resposta sobre as razóns que o levaron a non aceptar un primeiro informe técnico, redactado en 2009 e que desaconsellaba este proxecto, e a encagar un novo estudo, ao que alude a Confederación Hidrográfica. Naquel informe de 2009 dicíase, por exemplo, que “ambos os dous ríos (río Sarria e río Celeiro) presentan un bosque de ribeira en moi bo estado de conservación, especialmente o río Sarria que, mesmo en su treito urbano, conserva unha vexetación arbórea autóctona considerable. Esta vexetación de ribeira encádrase no hábitat prioritario 91E0 (Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior”). Por todo iso, debe sinalarse a incompatibilidade ambiental das medidas planificadas". E concluía que "as actuacións proxectadas non solucionan os episodios de inundacións extraordinarias, supoñendo un impacto ambiental negativo de grandes proporcións.”

O alcalde de Sarria, José Antonio García, cargou con dureza contra os integrantes da Plataforma Sarriana polo Rio: "un grupo duns que se cren intelectuais con supremacía sobre o resto"

Este venres tamén se escoitou a voz, por vez primeira dende o inicio do conflito, do alcalde de Sarria, José Antonio García (PP), que nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia botou balóns fóra, afirmando que o plan de encauzamento foi aprobado polo anterior goberno municipal e que "o novo goberno que dirixo só se limitou a conseguir financiamento para executar unha parte do plan". Defendeu que se trata dun "proxecto verde e respectuoso co medio natural, que mesmo conta cun paseo natural para peón". E, despois de denunciar que a protesta está "politizada", cargou con dureza contra os integrantes da Plataforma Sarriana polo Rio: "un grupo duns que se cren intelectuais con supremacía sobre o resto non puode calar a maioría do pobo que aproba o proxecto. Non están lexitimados para impedir que o resto da xente ofreza a súa opinión".

 

Reaccións dos partidos

O pasado martes o Grupo Parlamentario do BNG presentou unha serie de iniciativas pedindo a paralización das obras. De igual xeito, o BNG dirixiu unha pregunta ao Goberno da Xunta pedíndolle unha valoración sobre o impacto ambiental que terá este proxecto sobre os ríos Sarria e Celeiro, e interesándose por se o Executivo inspeccionou as obras para verificar se se cumpren as determinacións establecidas pola Secretaría de Estado de Cambio Climático.

Tamén AGE presentou unha iniciativa parlamentaria esixindo a cancelación do convenio de obras nos ríos Sarria e Celeiro, un proxecto presentado, din, "de costas á veciñanza de Sarria" e “sen abrir un proceso de información e participación da cidadanía”. AGE denuncia que as obras provocarían a destrución "da canle natural do río" e afectarían ademais "de xeito grave o patrimonio histórico artístico, etnográfico, cultural, ambiental e paisaxístico da vila”.

De igual xeito Equo amosou o seu apoio á veciñanza de Sarria na súa oposición ás obras, que “ao non actuar de forma integral sobre os ríos Sarria e Celeiro, nin sobre os regatos e regos que verten as augas aos mesmos, os riscos e problemas que causan as inundacións non se corrixen senón que aumentan gravemente”.

Unha mostra da fauna que habita no río e na illa do Toleiro © Plataforma Sarriana polo Río
A Illa do Toleiro, en Sarria © Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.