Os veciños organízanse para frear a construción da autovía Pontevedra-Vilaboa

Imaxe da zona que atravesaría a nova autovía © Salvemos A Fracha

En tempos de austeridade hai proxectos de construción de infraestruturas de dubidosa necesidade que, sorprendentemente, non se deteñen. A Autovía A57 pretende unir Pontevedra e Vilaboa e, ao mesmo tempo servir de cicunvalación á capital provincial, cun custe que se achega aos 100 millóns de euros, a pesar de circular en paralelo coa Ronda Urbana de Pontevedra e coa AP9. Porén, nas últimas semanas son varias as voces de veciños e entidades sociais e ecoloxistas que denuncian a "inutilidade" desta vía de alta capacidade e o grave prexuízo medioambiental e social que podería causar na zona.

Hai uns días a Sociedade Galega de Historia Natural cualificaba o proxecto da A57 de "sinrazón cun coste inmenso tanto ambiental como social, cando por con moitos menos cartos, pódese conseguir algo mellor para a cidadanía e o medio ambiente". Tamén denunciaba que esta vía, por estar demasiado afastada da cidade de Pontevedra, non podía cumprir unha función de circunvalación, e avogaba como alternativa pola xestión pública da AP9, ampliada a tres carrís e con gratuidade total entre Caldas de Reis e Vigo.

De igual xeito, vén de constituírse na zona, a Plataforma Veciñal Salvemos A Fracha, formada principalmente por habitantes das parroquias de Marcón, Tomeza, Bértola e Figueirido, polas que atravesaría esta autovía, e próximas ao monte da Fracha, no sur da cidade de Pontevedra. A plataforma celebrará unha asemblea aberta o vindeiro venres 16 de maio, ás 20 horas, na Casa Cultural de Marcón. Nesa xuntanza exporán o informe técnico que avala as alegacións presentadas contra o proxecto e que compila os prexuízos ambientais e sociais que provocaría a autovía. Nas últimas semanas os veciños que conforman a Plataforma levaron a cabo varias protestas públicas, entre elas unha na proba automobilística Subida Cidade de Pontevedra, na que chantaron cruces ás beiras da estrada. 

Denuncian, ao igual que a SGHN, que a autovía é "inútil" e "innecesaria", circulando en paralelo á AP9, e que non lle empresta un "servizo" real aos pontevedreses, ao non poder servir como circunvalación, unha función que tamén vai cumprir a proxectada Ronda Urbana de Pontevedra. "É un corredor norte-sur que ademais divide as parroquias", destacan, sobre todo no propio monte da Fracha, que corta en dous, formando un talude de 60 metros de profundidade e 100 metros de ancho, e alertan de que "constituiría unha barreira entre Pontevedra e a súa comarca natural, segregando dunha maneira irreversible a Serra da Fracha". Ademais, do mesmo xeito que a SGHN, propoñen como alternativa que se libere de peaxe o treito da AP9 entre Pontevedra e Vilaboa

Denuncian, ao igual que a SGHN, que a autovía é "inútil" e "innecesaria", circulando en paralelo á AP9, e que non lle empresta un "servizo" real aos pontevedreses, ao non poder servir como circunvalación

Fan fincapé igualmente no elevado custe, 86 millóns de euros para un treito de tan só sete quilómetros, o que cualifican de "derroche": "É necesaria unha obra que non achega solucións e se problemas ás bisbarras afectadas? Podemos permitirnos este luxo de máis de 80 millóns de euros? 80 millóns de euros dan para formular unha morea de preguntas e para emendar unha morea de precariedades sociais". Tamén denuncian a "anomalía" de que o proxecto, presentado en 2010, iniciara as expropiacións de terras en novembro de 2013, para abrir despois o período de exposición pública e o período de alegacións.

"Podemos permitirnos este luxo de máis de 80 millóns de euros? 80 millóns de euros dan para formular unha morea de preguntas e para emendar unha morea de precariedades sociais"

Nas alegacións presentadas ao proxecto, os veciños debullan o impacto que terá para o medio ambiente, sobre todo para os ríos Ponte Nova, Oitavén e Alvedosa e os mananciais existentes na zona, que deixarán de dirixirse ao río Gafos, para a paisaxe, e para algunhas especies animais. Tamén alertan do dano que se causará ao patrimonio artístico e etnográfico, pasando por riba do Camiño de Santiago, a Vía Romana XIX e o Camiño Real de Ribadavia (A rota dos Arrieiros). 

Membros da plataforma vecinal 'Salvemos A Fracha' © Salvemos A Fracha
A plataforma chantou cruces no percorrido da proba automobilística 'Subida Cidade de Pontevedra' © Salvemos A Fracha
Percorrido proxectado para autovía A57 © Salvemos A Fracha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.