Os ventres de alugueiro: A nova fronteira da mercantilización?

Os grupos feministas denuncian que esta práctica supón a mercantilización do corpo da muller © Marcha Mundial das Mulleres

Nos últimos meses vense falando cada vez máis da posibilidade de legalizar a chamada "maternidade subrogada", é dicir que unha persoa poida inscribir ao seu nome o fillo ou filla xerado no ventre doutra muller, que a través dun contrato renunciaría á filiación materna sobre o neno e nena á que deu a luz. O debate está cada vez máis presente nos medios de comunicación, organízanse importantes feiras de promoción da xestación subrogada (coma a Surrofair celebrada en Madrid a pasada fin de semana), formacións políticas como Ciudadanos xa se posicionaron claramente ao seu favor, mentres que outras como EnMarea están a realizar unha serie de debates públicos sobre o tema en numerosas cidades e vilas galegas. Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, se manifestou publicamente a favor da legalización da xestación subrogada.

A oposición aos denominados "ventres de alugueiro" crece e organízase, conformando xa plataformas como No somos vasijas ou a Rede Estatal contra o Alugueiro de Ventres e deixando clara a súa oposición colectivos feministas coma a Marcha Mundial das Mulleres ou a Rede Galega pola Igualdade (que hai uns meses organizou unha xornada de debate sobre o tema). Fronte a elas, tamén se fortaleceu a Asociación por la Gestación Subrogada en España.

As entidades e empresas que están a facer presión para a legalización do alugueiro de ventres fan fincapé na "liberdade individual" das mulleres que aceptan, por unha transacción económica ou de forma altruísta, entregar o seu fillo ou filla a outras persoas

Cómpre sinalar que na actualidade esta práctica é ilegal en España. A Lei 14/2006 sobre técnicas de reprodución humana asistida sinala no seu artigo 10 que "será nulo de pleno dereito o contrato polo que se conveña a xestación, con ou sen prezo, a cargo dunha muller que renuncia á filiación materna a favor do contratante ou dun terceiro"e que "a filiación dos fillos nados por xestación de substitución será determinada polo parto". Tamén o artigo 21 do Convenio Europeo sobre os Dereitos Humanos e a Biomedicina indica que "o corpo humano e as súas partes como tales non deben ser obxecto de lucro". A pesar disto, a maternidade subrogada vén sendo realizada no estranxeiro por algúns españois e españolas, nomeadamente por persoeiros de certa fama: a baronesa Thyssen, Miguel Poveda, Kiko Hernández, Jaime Cantizano, Kike Sarasola, Tamara Gorro...

Carmen Cajide: "A libre regulación de ventres de alugueiro xera paraísos reprodutivos en lugares onde hai extrema necesidade ou vulnerabilidade da muller"

As entidades e empresas que están a facer presión para a legalización do alugueiro de ventres fan fincapé na "liberdade individual" das mulleres que aceptan, por unha transacción económica ou de forma altruísta, entregar o seu fillo ou filla a outras persoas. Aluden igualmente un pretendido "dereito á maternidade" ou "paternidade" que esta práctica permitiría satisfacer para aquelas mulleres ou homes que non poden ter descendencia doutro xeito. Pola contra, os colectivos feministas alertan de que esa suposta liberdade individual non é tal e que a maioría das nais substitutas -cuxo ventre é alugado- son mulleres de familias pobres en Tailandia ou China (a pesar de que esta práctica está prohibida) ou a India (onde está en proceso de prohibirse. Si é legal en Rusia, Grecia, Xeorxia, Ucraína ou alguns estados dos EE.UU. (con prezos que van dende os 30.000 ata os máis de 100.000). A modalidade altruísta está permitida en Canadá, Portugal, Brasil e, de forma moi limitada, no Reino Unido ou Holanda, aínda que son moi poucas as mulleres que se prestan a este proceso deste xeito.

Carmen Cajide, presidenta da Rede Galega pola Igualdade, manifesta o seu "rotundo rexeitamento á practica de ventres de alugueiro" e sinala que "é necesario poñer límites claros e infranqueables co mercadeo dos corpos das mulleres e tamén de bebés". "Abrir ao mercado aos ventres de alugueiro é sen ningunha dúbida un enorme nicho de negocio e introduce unha gran desigualdade. Na práctica é unha cuestión de explotación das mulleres pobres. A libre regulación de ventres de alugueiro xera paraísos reprodutivos en lugares onde hai extrema necesidade ou vulnerabilidade da muller. Non esquezamos que nos ventres de alugueiro a cuestión de clase, igual que a de xénero, é determinante: unha muller cunha economía suficiente nunca vai alugar o seu ventre", explica.

Sabela Carballo: "Este non é un debate inocente. Un poderoso lobby e moitas empresas están a facer presión para que sexa este un tema central, xa que son moitos os millóns que se están a gañar grazas á explotación dos corpos das mulleres".

Pola súa banda, a Marcha Mundial das Mulleres publicou hai uns días un posicionamento moi claro ante este debate, titulado Non somos incubadoras. "Os defensores dos “ventres de alugueiro” falan de liberdade de elección das partes e do dereito a ser nai/pai. A palabra liberdade neste tipo de ámbitos ensucia a súa cor. O capitalismo sempre defende a liberdade de mercar/vender. O mercado xa domina os nosos recursos naturais, grandes partes da nosa vida e precisa tamén poñer prezo ao corpo das mulleres, á nosa capacidade de ser nais, aos nosos óvulos, tratándonos como incubadoras", afirma a entidade.

A Marcha destaca que "este non é un debate inocente. Un poderoso lobby e moitas empresas están a facer moita presión para que sexa este un tema central, xa que son moitos os millóns que se están a gañar grazas á explotación dos corpos das mulleres". A Marcha amosa a súa sorpresa pola realización -con gran presenza nos medios de comunicación- de feiras coma a Surrofair celebrada a pasada semana en Madrid. "Sendo este un procedemento prohibido no Estado Español, as empresas participantes explican impunemente como facer este procedemento noutro país e empregar despois subterfuxios legais para legalizar os e as menores. Como se permite celebrar este evento? Podería facerse unha feira sobre o traballo infantil ou sobre a compra de órganos? Isto demóstranos o poder que este sector está a ter". 

"A maternidade subrogada non é unha técnica, non é equiparable á fecundación in vitro, nin á inseminación artificial, que si o son", lembra a Marcha

Sabela Carballo (Marcha Mundial das Mulleres) fai fincapé tamén na importancia da linguaxe, e aposta por denominar a esta práctica como ventre de alugueiro no canto dos máis asépticos xestación subrogada ou maternidade subrogada que "pretenden edulcorar esta realidade, equiparándoa ademais, a unha técnica de reprodución asistida". "A maternidade subrogada non é unha técnica, non é equiparable á fecundación in vitro, nin á inseminación artificial, que si o son", di. O mesmo destaca a Rede Galega pola Igualdade, que subliña que "o embarazo e parto é unha verdade material e biolóxica, non unha técnica. Supoñer que o útero dunha muller, o embarazo e o parto son técnicas reprodutivas deshumaniza as capacidades reprodutivas das mulleres" . De igual xeito, a Marcha Mundial das Mulleres lembra que "o embarazo non é aséptico. A muller no seu corpo sofre grandes cambios físicos, hormonais, psicolóxicos e emocionais, podendo ser alguns irreversibles. Enfróntase así, a riscos para a súa saúde (cesáreas, embolias, ter que extirpar oútero...) que poden supor, incluso, a súa morte".

 

O argumento da "liberdade individual"

A Rede Galega pola Igualdade alerta tamén contra o argumento da cesión altruísta, proposta por algúns grupos, destacando que ese cambio lexislativo "abriría a porta ao mercadeo-trampa"

A Rede Galega pola Igualdade alerta tamén contra o argumento da cesión altruísta, proposta por algúns grupos, destacando que ese cambio lexislativo "abriría a porta ao mercadeo-trampa". "Ninguén vai crer que unha muller se preste de xeito altruista ou por xenerosidade a iso", sinala Cajide. O mesmo sinala Sabela Carballo: "non se fai alusión á realidade: un acordo económico. No 99% dos casos, se non hai unha retribución económica detrás, ningunha muller se presta a este proceso".

A Marcha Mundial das Mulleres pon o foco na falsidade do argumento da "liberdade individual" esgrimido polos defensores desta práctica: "O argumento é que se as dúas partes queren, hai que respectar a liberdade individual. O problema é que si vemos unha clara liberdade na parte dos e das que mercan, pero non se ve esa libre elección na muller xestante. Vemos a mesma capacidade de elección no caso das persoas que venden un órgano do seu corpo, nas persoas que traballan na India con míseros salarios ou no traballo infantil. Ti escolles facelo, si, pero dentro das túas inxustas alternativas". "Non nos enganemos, se non hai retribución monetaria, ningunha muller pasa por este proceso difícil e con riscos, salvo con persoas moi achegadas, familia… mais nunca con descoñecidos", engade.

Sabela Carballo lembra ademais que esta suposta defensa liberdade individual da muller xestante queda finalmente subordinada á sinatura dun contrato que a obriga "ferreamente"

Sabela Carballo lembra ademais que esta suposta defensa liberdade individual da muller xestante queda finalmente subordinada á sinatura dun contrato que a obriga "ferreamente". "Non pode arrepentirse, non pode abortar..., polo que se conculcan gravemente os seus dereitos como persoa. Fronte a todos os testemuños de familias felices tras mercar un bebé, ocúltanse totalmente todos os casos de mulleres xestantes traumatizadas por este proceso: ben por non querer finalmente ceder á súa filla ou fillo pero ser obrigada, ben por danos físicos ou psicolóxicos", sinala a Marcha.

 

A alternativa: A adopción

A Rede Galega pola Igualdade aposta, en cambio, polo fomento das adopcións, un proceso que segue a ser moi lento e custoso: "para cumprir os lexítimos desexos de ser pais ou nais das persoas que non teñen posibilidades por si mesmas, o que debemos facer é instar ao Goberno a que dote de orzamento a Lei 26/2015, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia", unha norma que, destaca a entidade, o PP "vendeu a bombo e platillo sen poñer un euro para a súa implementación".

"Cremos que o camiño ao que se deben dirixir estes casos é o da adopción. Sabemos que é un camiño non exento de dificultades, máis é o único defendible eticamente", di a Marcha

"Entendemos o duro e frustrante que é para unha familia que desexa ter fillos e fillas o non poder materializalo. Mais isto non é un dereito, é un desexo. E consideralo doutro xeito si suplanta o dereito a integridade física de outras mulleres, que se vexan forzadas a aceptar esta situación por necesidades económicas. Nunca pode un dereito ser exclusivo de persoas ricas, os dereitos deben ser universais, non dos e das que teñen poder económico para pagalos", engade a Marcha Mundial, que tamén aposta polo fomento das adopcións: "Cremos que o camiño ao que se deben dirixir estes casos é o da adopción. Sabemos que é un camiño non exento de dificultades, máis é o único defendible eticamente". E explican que "se manexan datos, que collemos con cautela, que indican que a demanda de adopción diminuíu en favor da práctica do alugueiro de ventres. Son varios os factores que provocan este cambio, mais cabe subliñar un que non nos parece en absoluto defendible: o factor xenético. A perpetuación da túa descendencia como necesidade por riba de criterios éticos e os dereitos de outras persoas".

 

Os límites do mercado

"Se unha persoa decide vender un dos seus riles, e outra persoa decide compralo, por que impedir o que eles e elas decidiron libremente? Por que nese caso nos resulta grotesco e non no caso do uso do corpo dunha muller?"

A Marcha Mundial das Mulleres conclúe que "o mercado non pode regulalo todo, e o noso corpo é un límite claro". "Por que non facer tamén un mercado dos nenos e nenas xa nacidas?", pregúntase. "A adopción é un proceso regulado polo estado, no que se valora a idoneidade da familia adoptiva, mais, seguindo o tipo de razoamentos do neoliberalismo, por que non facilitarlle a familias desexosas de maternidade o acceso a unha crianza sen máis trámites?", di. "Ou, por que regular a doazón de órganos? Se unha persoa decide vender un dos seus riles, e outra persoa decide compralo, por que impedir o que eles e elas decidiron libremente? Por que nese caso nos resulta grotesco e non no caso do uso do corpo dunha muller?", remata.

 

Debate organizado por EnMarea o pasado mes de marzo © EnMarea
Campaña promocional da feira celebrada a pasada fin de semana en Madrid © Surrofair
Cartel da mobilización contra Surrofair © Rede Estatal Contra o Alugueiro de Ventres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.