Os votos do PP impiden a titulación universitaria da escola de Restauración de Pontevedra

Alumnado e profesorado da Escola manifestouse este venres en San Caetano Dominio Público Praza Pública

Os votos do PP impediron que se aprobase unha iniciativa presentada polo BNG que demandaba a adscrición da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra á Universidade de Vigo.

O alumnado e o profesorado da Escola Superior leva meses realizando distintas accións públicas para concienciar á cidadanía da xustiza e importancia da súa reinvindicación e para esixir do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que os reciba, algo ao que polo momento non accedeu. Ao longo da última semana, ademais, levaron a cabo unha marcha a pé, dende Pontevedra até Compostela, que finalizou este venres cunha manifestación ás portas da sede da Xunta en San Caetano. Este colectivo, que se autodenomina os defraugrados, xa anunciou que continuará coas súas reivindicacións porque a “solución é legal e posible” e porque mesmo a futura LOMCE o permite.

Este colectivo, que se autodenomina os defraugrados, xa anunciou que continuará coas súas reivindicacións porque a “solución é legal e posible” e porque mesmo a futura LOMCE o permite

A deputada do BNG Montse Prado reclamou a consideración de “estudos universitarios” para as escolas superiores de ensinanzas artísticas coa titulación de grao e afirmou que algunhas comunidades autónomas o fixeron utilizando a lexislación educativa que posibilita a integración, “desta maneira, dixo, os estudos de restauración e conservación foron transformándose en graos universitarios ao igual que os estudos de conservatorio e arte dramático", dixo. Para a parlamentaria  non existe obstáculo ningún a hora de acadar a titulación de grao na Escola de Restauración de Pontevedra, xa que existen antecedentes, entre os que destacou a Escola Naval de Marín e a de Negocios de Caixa Nova, “a Xunta, nestes casos non puxo inconveniente ningún”.

A deputada do BNG engadiu que a Universidade de Vigo está disposta a acoller a titulación, e que polo tanto “só é unha cuestión de vontade política”

Prado tamén se referiu ao alumnado que iniciou os estudos no curso 2010-2011 coa perspectiva de acadar o grao universitario, como reflectía a súa matricula, e que na actualidade, a piques de rematar os estudos, vive coa  “incerteza” de acadar esa titulación universitaria. A deputada do BNG engadiu que a Universidade de Vigo está disposta a acoller a titulación, e que polo tanto “só é unha cuestión de vontade política”

O Partido Popular, a través do seu deputado Román Rodríguez, excusou o seu voto negativo en que non hai diferenza ningunha entre a actual situación da titulación e a que tería se se convertese en grao. Montse Prado respondeulle que “de ser así, o alumnado non marcharía a estudar a Asturias ou Portugal para acadar a condición universitaria”.

Alumnado e profesorado da Escola manifestouse este venres en San Caetano Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.