Outro 10 de Marzo "polo emprego, os salarios dignos e a xustiza social"

Manifestación da CIG en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Un novo Día da Clase Obreira Galega no 43º aniversario daquel 10 de marzo de 1972, no que as mobilizacións de milleiros de traballadores en Galicia acabaron co asasinato de Amador e Daniel Niebla, así como con numerosos detidos. Enchéronse as rúas, especialmente en Ferrol e Vigo, para reclamar liberdades e dereitos sociais, políticos e laborais. Máis de catro décadas despois, os sindicatos galegos volven manifestarse nunha xornada na que se volven reclamar "emprego e salarios dignos" e "xustiza social" e na que se censuran as políticas aplicadas polo PP "tanto en Galiza como no conxunto do Estado". 

Así o lembra a CIG, que chama á cidadanía a mobilizarse nas manifestacións que celebra nas sete cidades galegas. A central nacionalista desenvolverá, ademais, o seu acto central en Ferrol, onde o seu secretario xeral, Suso Seixo, renderá homenaxe xunto aos compañeiros a Amador e Daniel. 

A CIG lembra que máis do 30% dos asalariados galegos cobra menos do salario mínimo

As reivindicacións daquel 1972 "non son tan distintas das que nos convocan nesta data ou das que nos levan ata Madrid dentro de dúas semanas coas Marchas da Dignidade", lembra tamén a CUT. "Se cadra, mesmo son peores as circunstancias actuais con xornadas interminables de traballo, un salario mínimo irrisorio e o 'despido libre' por catro patacóns a persoal traballador cunha antigüidade de trinta anos", di no seu manifesto. 

Coincide así coa CIG á hora de describir a precaria situación que sofre Galicia, que "conta na actualidade con 969.000 persoas asalariadas, das cales 301.000 -o 31%- ingresan menos do salario mínimo interprofesional (648 euros ao mes) e, neste grupo, 177.000 traballadores e traballadoras teñen un salario menor a 200 euros ao mes, o 18,2% do total". No Estado, máis de 2 millóns e medio de persoas están nesta situación e "o salario en Galiza perdeu o 11% da capacidade adquisitiva en 5 anos”, insiste. 

"A clase traballadora máis consciente debe reagrupar e reunificar as loitas para facer tremer o sistema", reivindica a CUT

Para a CUT, a clase obreira e reivindicativa "está en débeda coa loita anti-franquista", a que os liga "á loita pola defensa do goberno republicano e dos dereitos de todo o proletariado". "Non falamos de contextos tan distintos cando as distintas faccións se uniron contra o ditador e cando agora nós vimos preconizando a unidade popular e obreira contra os ditados do capitalismo e da oligarquía, veñan de Madrid, de Raxoi ou de Bruxelas", reivindica a central, que cre que "a clase traballadora máis consciente" debe "reagrupar e reunificar as loitas para facer tremer o sistema". Esa é hoxe a tarefa e o exemplo que están a dar as Marchas, ademais porque outros non o van facer; e a este réxime haberá que botalo tamén", di. 

A CIG levará a cabo as súas mobilizacións en todas as cidades baixo o lema Emprego e salarios dignos, mentres que a CUT manifestarase diante do edificio da Xunta en Vigo baixo o lema Liberación Nacional. Pan, traballo e teito. CCOO, pola súa banda, manifestarase en Ferrol Polo Emprego e a Xustiza Social, tras lembrar que "os datos económicos do último ano evidencian que aínda falta moito, moitísimo, para que a crise sexa só unha funesta lembranza". Ben que no estado se percibe unha lixeira recuperación do emprego, en Galicia continúa a destrución de postos de traballo.

"Os datos económicos do último ano evidencian que aínda falta moitísimo para que a crise sexa só unha lembranza", cre CCOO

"O escenario lémbranos tempos que xa criamos superados, tempos que se conxugan en pasado. Agora, coma daquela, as Comisións Obreiras temos a misión de facer que a inxustiza e a desigualdade de hoxe volvan ser un mal recordo", asegura o manifesto de Comisións, que aclara que "a loita pola xustiza social continuará mentres levemos connosco o exemplo e a lembranza dos compañeiros Daniel e Amador".


Lugar e hora das mobilizacións

CIG

Ferrol: Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20 horas. Manifestación nacional.

A Coruña: 20 horas, dende a Praza de Vigo.

Compostela: 20 horas desde a Praza Roxa.

Lugo: 20 horas dende o local da CI.

Ourense: 11.30 horas. Asemblea de delegados no edificio sindical e manifestación até a Xunta.

Pontevedra: 12 horas. Asemblea de delegados e concentración na Praza da Peregrina.

Vigo: 20 horas desde a Doblada.

CUT

Vigo. 12 horas, diante do edificio da Xunta. 

CCOO

Ferrol. Ás 19.30 horas desde o monumento 10 de marzo.

Monumento a Amador e Daniel en Ferrol CC-BY-SA Pepe do Couto
Manifestación da CIG en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.