Outro desaloxo en Vigo ante a falta de alternativas

Vivenda de Eugenia desaloxada en Vigo Dominio Público @odscoia

Eugenia, unha veciña viguesa de 50 anos e máis o seu fillo de 20, foron desaloxados este pasado mércores da casa que ocupaban desde hai meses. Era, segundo aclara a muller e a Oficina de Dereitos Sociais-Coia que denuncia o caso, o único xeito de poder durmir baixo teito, nunha vivenda á que a policía nacional chegou para proceder ao desafiuzamento e á entrega das chaves. 

"É unha mostra fiel e contrastada de que as administracións non son quen de actuar en casos de extrema necesidade", denuncia a ODS-Coia

"Non é só un caso máis deses desafiuzamentos que segundo o alcalde de Vigo 'non se producen nesta cidade, senón unha mostra fiel e contrastada de que as administracións públicas non son quen de actuar en casos de extrema necesidade, nin de dotar de recursos e mecanismos válidos e eficaces contra a desprotección e a precariedade da cidadanía", denuncia a ODS-Coia. 

A muller e o fillo foron desaloxados en virtude dun auto do xulgado de instrución número 6 de Vigo. Con tres fillos máis, foi vítima de malos tratos e en 2006 logrou unha orde de protección contra o seu marido, que un ano máis tarde foi condenado por malos tratos a prisión e con orde de afastamento. Segundo ODS-Coia, o seu caso é un exemplo claro da falta de axudas e apoio institucional en casos desta gravidade. Malia ter solicitado durante os últimos anos unha vivenda de protección oficial, nin a Xunta nin o Concello responderon ás súas peticións e xa en maio de 2014 fora desaloxada doutra vivenda ao ter que pagar uns 400 euros entre o aluguer e a comunidade e dispor tan xó de 426 euros mensuais de ingresos por axuda familiar. 

Eugenia pelexou durante anos por unha vivenda de protección oficial e axudas que non chegaron

Anos antes, segundo denuncia a ODS, fóronlle denegadas axudas para mulleres maltratadas e viviu durante algúns meses nunha casa de acollida para vítimas da violencia de xénero. Tras o desaloxo sufrido en 2014, Eugenia vese na rúa xunto dos dous dos catro fillos que residían con ela e "decide ocupar unha vivenda" que levaba baleira dende o 2011, da que este mércores foi desafiuzada. A dona pretende vender o inmoble e fixo valer os seus dereitos legais. 

Hai tan só uns días, a principios de febreiro, Eugenia dirixiuse ao Instuto Galego da Vivenda e SOlo (IGVS) para solicitar unha alternativa habitacional, así como ao Concello de Vigo. Nin unha nin outra administración lle deron solución definitiva, polo que foi desaloxada tan só dez días máis tarde destas xestións. Este venres, a muller ofrecerá detalles aos medios sobre a súa situación no salón de actos da parroquia Cristo da Vitoria.

Vivenda de Eugenia desaloxada en Vigo Dominio Público @odscoia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.