Iván Prado actuará para as 50.000 persoas que encherán o Foro Sol do Wirikuta Fest, en México DF, en solidariedade co pobo Huichol e en contra das minas a ceo descuberto que o goberno mexicano quere abrir no Deserto de Wirikuta. A ameaza da expansión da industria mineira na zona pon en grave risco a subsistencia dos pobos indíxenas e do importante ecosistema da localidade (con flora e fauna endémicas).
No Festival, artistas de México, Colombia, Italia, Francia e do Estado Español (entre eles Calle 13, Julieta Venegas ou Enrique Bunbury) actuarán altruistamente para defender os dereitos históricos das comunidades Wixárikas (coñecidas en castelán como Huicholes), famosos no mundo enteiro por atesourar un patrimonio cultural-ambiental e unha espiritualidade prehispánica única. Segundo Iván Prado, "os Wixárikas son para a defensa ambiental e a riqueza cultural mexicana o que os zapatistas son para a loita pola democracia e a xustiza en México”.
Segundo Iván Prado, "os Wixárikas son para a defensa ambiental e a riqueza cultural mexicana o que os zapatistas son para a loita pola democracia e a xustiza en México”
Esta primeira actuación será o pistoletazo de saída do Festiclown Wirikuta, festival de circo solidario organizado por Pallasos en Rebeldía, que se desenvolverá do 26 de Maio ao 10 de Xuño en México. Pallasos en Rebeldía realizará actuacións en colexios e cárceres da cidade de México, Galas de Circo Solidarias en cidades mineiras e poboacións do Deserto de Wirikuta e pasarrúas reivindicativos en manifestacións no Zócalo do DF nunha intensa xira rebelde a favor dos pobos indíxenas e do seu patrimonio cultural.
Esta primeira actuación será o pistoletazo de saída do Festiclown Wirikuta, festival de circo solidario organizado por Pallasos en Rebeldía, que se desenvolverá do 26 de Maio ao 10 de Xuño en México
Cabe destacar a actuación que Pallasos en Rebeldía realizará no Tribunal Permanente dos Pobos, a súa participación na Semana Internacional do Detido Desaparecido no DF así como a súa actuación en Atenco xunto á fronte de Pobos en Defensa da Terra sen esquecer a gala internacional que levará a cabo na Karpa Demente de DF e que contará coa participación de numerosos artistas locais.