Pallasos en Rebeldía pedirá dende Grecia "liberdade de movemento" para os refuxiados

Grupo de refuxiados/as en Idomeni, na fronteira entre Grecia e Macedonia CC-BY-ND Martin Leveneur

"Reivindicamos a liberdade de movemento a todos os niveis. Cando falamos da xente que foxe das guerras, falamos tamén das guerra económicas ou das guerras por razón de xénero. Isto é un tsunami humanitario, xerado por un movemento sísmico bélico e económico, que ten un epicentro, que son os grandes poderes, dos Estados Unidos á UE, pasando por Rusia. Refuxiarse non é ilegal, si o é a corrupción do sistema capitalista e seudo-democrático que xerou esta situación de desigualdade e que demostrou o seu fracaso”. Iván Prado é un dos integrantes do colectivo Pallas@s en Rebeldía -xunto co tamén galego Peter Punk- que este luns viaxarán a Idomeni, na fronteira entre Grecia e Macedonia, onde milleiros de refuxiados e refuxiadas se amorean tentando proseguir o seu percorrido polo continente europeo.

Os artistas pasarán tres días no campamento que se conformou a escasos metros da fronteira. Alí realizarán animacións artísticas e funcións de circo e clown. "Queremos compartir un par de días cos refuxiados e as refuxiadas, achegarnos ás tendas de campaña, falar con eles, acompañalos, coñecer a súa situación, entrar en contacto con esas cen mil almas que veñen fuxindo da guerra. Queremos compartir in situ a loita lexítima dos refuxiados por traspasar fronteiras para sobrevivir, e facer un chamamento á comunidade internacional para que asuma a súa responsabilidade nesta crise humanitaria, política e territorial", destaca Prado.

"Queremos compartir in situ a loita lexítima dos refuxiados por traspasar fronteiras para sobrevivir, e facer un chamamento á comunidade internacional para que asuma a súa responsabilidade"

Pallas@s en Rebeldía coordinarase co colectivo Fotomovimiento e a delegación da ONG Refugee Care que opera no campamento de Idomeni para prestar axuda os refuxiados con medicamentos, comida, xoguetes e a realización de talleres. "Estannos pedindo que levemos cartos, porque as necesidades son moitas e moi urxentes. Necesitan leite para os nenos e nenas pequenas, cueiros, alimentación de todo tipo", sinala Prado, que se amosa moi crítico coa política desenvolvida polos países da UE nesta cuestión: "Son conflitos, o de Siria e outros, que nós mesmos provocamos, a nosa sociedade e o noso sistema económico. Agora a Turquía, que é un país que pecha medios de comunicación, que masacra os kurdos, que persegue os homosexuais, se lle ofrece entrar na UE a cambio de que nos resolva aos europeos un problema que nós xeramos coas nosas guerras".

É posible que os integrantes do colectivo leven a cabo algún tipo de "acción de denuncia, fronte á valla ou mesmo fronte aos militares de Macedonia", semellante ás que xa realizaron fronte ao muro construído por Israel en Palestina ou fronte á valla que marca a fronteira entre España e Marrocos en Melilla.

Así mesmo, Pallas@s en Rebeldía lanza un Manifesto en Favor da Liberdade de Movemento que denuncia os "muros e aramados que Europa continúa levantando ante a desesperación de millóns de persoas" e critica "as racistas políticas migratorias da Unión Europea" e "as abusivas e discriminatorias políticas macro-económicas que xeran guerras, fame e xenocidio económico-social en favor do capitalismo e en contra do Sur do noso Planeta". O texto oponse así mesmo á adhesión de Turquía á UE "por constituír un intercambio de intereses político-económicos entre ambas as dúas partes; unha inquietante e descarada mostra do desinterese por parte da UE en construír un escenario democrático e plural".

Pallas@s en Rebeldía lanza un Manifesto en Favor da Liberdade de Movemento que denuncia os "muros e aramados que Europa continúa levantando ante a desesperación de millóns de persoas"

Finalmente, o Manifesto realiza un alegato contra as fronteiras e en favor das migracións humanas. "O ser humano móvese polo planeta dende hai milleiros de anos, ben porque busca mellorar a súa vida, ben porque busca sobrevivir, ben porque busca coñecer outras culturas. Toda a historia da humanidade ten que ver co nomadismo e a necesidade de moverse polo mundo. Tamén nós, os galegos e galegas, necesitamos facer uso desa liberdade pola fame e tamén por mor da guerra civil e do fascismo", destaca Iván Prado. "Os pallasos vimos desa tradición, vimos do mundo do circo, que é un mundo itinerante, é unha profesión internacionalista: moitas culturas, moitas linguas, moitas cores, baixo un mesmo ceo, movéndose polo mundo adiante sen fronteiras", conclúe.

 

Fronteira militar en Idomeni CC-BY-NC-ND Fotomovimiento
Campo de refuxiados na fronteira grega CC-BY-NC-ND Fotomovimiento
Unha nena refuxiada xunto á fronteira instalada en Idomeni CC-BY-NC-ND Fotomovimiento
Imaxe do campo de refuxiados grego CC-BY-NC-ND Fotomovimiento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.