Para a CRMH, o PP ten "un clarísimo problema: non ter superado o franquismo"

Fachada principal do Pazo de Meirás © Xunta

37 anos despois da morte do ditador, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) realiza un pronunciamento no que denuncia que "aínda quedan vixentes determinados exemplos do seu poder". Critica por exemplo o incumprimento por parte do goberno do Partido Popular da Lei da Memoria Histórica ou a renovación do título nobiliario de Queipo de Llano para os seus herdeiros. E sobre todo denuncia que "está patente a falla de resposta por parte do Estado español diante dos crimes cometidos polo franquismo" e que tamén está pendente "a solución definitiva a estes crimes". 

Tamén se critican os recortes dos dereitos laborais, económicos e liberdades públicas, "dereitos conseguidos en máis de 150 anos de loitas obreiras e populares" e o mantemento "dunha caste de privilexiados no papel de máximos dirixentes do estado español, unha familia real e unha monarquía cada vez máis impopular polos innumerabeis desmáns que nos últimos anos están a facer. Unha monarquía que foi posta “a dedo” polo ditador Franco, unha monarquía que actualmente está absolutamente desfasada e obsoleta". En definitiva, a CRMH conclúe que o PP ten "un clarísimo problema: non ter superado o franquismo".

Chama a "en troques de andar a rescatar bancos", rescatar "o Pazo de Meirás para o pobo galego" pois "foi roubado pola familia Franco e que aínda están a desfrutar gratis os seus descendentes"

Por ese motivo anima os populares a "demostrar dunha vez que isto é unha verdadeira democracia, non vencellada e debedora da ditadura franquista". E chama a "en troques de andar a rescatar bancos", rescatar "o Pazo de Meirás para o pobo galego" pois "foi roubado pola familia Franco e que aínda están a desfrutar gratis os seus descendentes". A CRMH declara que "debe de ser o estado español mediante as suás institucións quen debe de recuperar o Pazo de Meirás para o disfrute da poboación".

Fachada principal do Pazo de Meirás © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.