Patrimonio en venda: unha illa protexida por 4 millóns de euros

Porto de Cariño, coa illa de San Vicente ao fondo CC-BY-SA Ramón Piñeiro

Unha pequena illa de 1,3 hectáreas, situada fronte á praia de Morouzos na ría de Ortigueira. Ese é o terreo que unha familia puxo á venda por 4 millóns de euros a través de internet. Situada en zona protexida e de enorme valor ambiental, forma parte dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e dun Lugar de Interese Comunitario (LIC) que implican unha preservación especial. Malia que nin hai nin se agarda comprador aínda, a inmobiliaria recoñece chamadas interesándose por un lugar tan icónico para a comarca como descoñecido en moitos outros lugares. 

Un particular vende a illa de San Vicente, situada nunha ría con varias zonas de especial protección, por 4 millóns de euros

Que San Vicente estaba en venda sabíase no Concello de Ortigueira hai tempo. "Xa hai un ano ou así que o anuncio está colgado nesa web, mesmo antes de que entrase este novo goberno local", di Vanesa Trevín, concelleira de Patrimonio e Paisaxe, pero tamén arqueóloga. "Sabía do tema hai tempo pero a nova saltou ás portadas agora, aínda que non hai novidade", explica. 

"Magnífica isla de forma ovalada con playas de suaves pendientes y bellos acantilados". Así describe aldeasabandonadas.com este terreo con amplas zonas de pastos, pero sobre todo piñeiros e eucaliptos, ademais de ruínas dunha casa de labor, cortes e restos de antigas murallas que se datan na época dos Templarios. Na Idade Media tería acollido un monasterio beneditino, uns restos que o Concello estaría encantado de procurar e investigar.  

O Concello de Ortigueira non pode asumir a compra e prevé iniciar conversas no futuro coa Xunta e o Goberno central

A oferta, ademais, permite obter o Pazo de Brandariz, da mesma localidade ortegana, por 2,5 millóns de euros máis. Son, precisamente, os últimos descendentes dos últimos habitantes deste pazo os que poñen en venda todo o paquete. "Como cargo público, pero tamén como profesional da arqueoloxía, non me parece que teña moito sentido poñerlle prezo ao patrimonio, pero hai que respectar a familia", insiste Trevín, que asume como todos no Concello de Ortigueira que será difícil, polo menos de momento, que a illa pase a mans públicas. 

"O Concello non se pode permitir pagar un prezo tan alto; é desorbitado para un municipio que ten un orzamento anual que anda nos 7 millóns de euros", explica. Mercar a illa suporía bastante máis do dobre de todo o presuposto municipal. Mesmo para a Xunta e para o Goberno central o importe sería importante. Trevín non descarta, iso si, iniciar conversas no futuro con ambas as dúas Administracións para que, chegado ao caso, "San Vicente pase a mans públicas porque iso sería o ideal". 

O prezo que se pide pola illa supón máis da metade do orzamento anual do municipio ortegano

Os grupos ecoloxistas ven necesario que sexa a xestión pública a que se faga cargo de espazos naturais coma este para asegurar así tamén a súa correcta conservación. É unha illa situada dentro dos límites de varios espazos naturais protexidos, a Zona de Especial Conseración de Ortigueira-Mera -na Rede Natura 2000-, a ZEPA e o Humidal de Importancia Internacional Ramsar. Isto é o que fai que a illa teña unha morea de vetos e limitacións, independentemente de quen sexa o seu propietaria. Nin edificacións, nin camiño, nin introdución de especies... O futuro, a medio prazo, debería ser o mesmo que o das Illas Cíes, que pasaron de mans privadas ás da Xunta. Iso sería o ideal, pero non parece doado. 

Illa de San Vicente, na ría de Ortigueira CC-BY-SA Amador Loureiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.