Peche no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física de Ferrol contra os recortes

Peche das traballadoras do CAMFE © Lupe Ces

As traballadoras e traballadores do CAMF, Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física de Ferrol, reunidas en asemblea decidiron realizar un peche no centro de traballo de 24 horas. Trátase da primeira acción aprobada pola asamblea ante o que consideran "unha política de agresións constante contra os seus dereitos laborais, que estan repetidamente sendo negados pola política de recortes do Goberno de Mariano Rajoy". Denuncian que "non se cobren as vacantes para que as traballadoras poidan disfrutar das vacacións, ou de permisos por coidado de fillos" ou outros dereitos que viñan exercendo desde que abriu o centro en Catabois, no concello de Ferrol.

Segundo Ana López Bogo, representante da CIG, hai vacantes que se están a cubrir con contratos de produción de seis meses, "e neste centro non hai produción, só hai servizos a persoas con grandes discapacidades. É un traballo duro, cun alto nivel de estres e afectación persoal, non poden facer recaer en nós a merma da calidade do servizo, porque ao final, auméntanche a xornada, aumentanche a carga de traballo, e nós cremos no servizo que prestamos, nos servizos públicos."

As traballadoras recibiron este luns a visita da parlamentaria de AGE, Yolanda Díaz, que denunciou que se trata dun intento máis de privatización e recorte dos servizos públicos e que son os servizos dirixidos ás persoas máis vulnerables os que están sufrindo os maiores recortes: "Temos que tomar consciencia da forza que temos para cambiar esta situación, o Partido Popular precisa cada vez mais invisibilizarse para poder seguir aplicando as súas políticas. Nós temos que visibilizar as nosas loitas e conseguir truncarlles os seus plans de privatización dos servizos".

As traballadoras e traballadores do CAMF realizarán outra asemblea para decidir novas mobilizacións.

Peche das traballadoras do CAMFE © Lupe Ces
Encontro de Yolanda Diaz coas traballadoras do CAMFE © Lupe Ces

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.