Pedaleando por Auria

Cartaz da 1ª Foliada da Bicicleta © Asociación Os Biciclistas

"Vén coa túa bici vestido como era a moda en Ourense hai cen anos e goza dun día de festa histórico coa Bela Auria". Así se anuncia o IV Bicipaseo Patrimonial por Ourense (ou tweed ride) que se celebrará na cidade das Burgas o vindeiro sábado 21 de setembro. Consiste nun pequeno paseo cultural gratuíto en bicicleta con paradas comentadas, enmarcado dentro da primeira Foliada da Bicicleta, da Semana da Mobilidade e da festa de recreación histórica da Bela Auria.

Este tipo de paseos, que mesturan o descubrimento e posta en valor de recunchos dos centros das cidades, a reivindicación do uso da bicicleta e o gusto pola caracterización de época veñen facéndose moi habituais nos últimos anos en todo o mundo. Os organizadores, a asociación Os Biciclistas, mesmo fan recomendacións sobre a indumentaria que sería máis axeitada para a actividade, e remiten ao publicado polos responsables da festa de recreación histórica da Bela Auria, que botan man do arquivo fotográfico para ver como vestían ourensáns e ourensás hai 100 anos.

A tweet ride comezará ás dez da mañá na Praza maior e rematará ás 11.40 no Xardín do Posío, onde se convidará aos participantes a un té con pastas, e no que haberá unha exposición de bicicletas antigas e unha visita comentada ao patrimonio agochado no propio Xardín do Posío. 

A actividade da Foliada completarase pola tarde cunha marcha en BTT polos castros que se atopan próximos á cidade de Ourense, e que comezará ás 16.30 horas.

Cartaz da 1ª Foliada da Bicicleta © Asociación Os Biciclistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.