Persoal da CRTVG reclama medios públicos "sen inxerencias políticas" no 29º venres negro

Persoal da CRTVG en San Marcos, no 29º venres negro © Defende A Galega

O persoal mobilizado da CRTVG supera xa medio ano de protesta coa celebración do seu 29º venres negro, outra xornada máis reivindicativa en protesta "contra a manipulación informativa e polo cumprimento da Lei de Medios". O colectivo Defende A Galega, que xunta os profesionais mobilizados de loito, centrouse desta vez na reivindicación duns medios públicos "sen inxerencias políticas", así como "plurais e despolitizados". 

O persoal mobilizado centrou as protestas do 29º venres negro na reivindicación duns medios públicos "sen inxerencias políticas"

"Queres unha radio que che conte a folga da sanidade en Galicia moito máis a fondo que a de Cataluña? Programas onde se lles dea voz a todos os colectivos sociais? Para iso precisamos unha radio sen inxerencias políticas", resume Defende A Galega nas súas reivindicacións, agora que xorde a "ameaza", por parte do PP no seu intento por conseguir o apoio da ultradereita en Andalucía, de pechar Canal Sur ou cando "os medios públicos se converten en moeda de cambio entre partidos", tal e como denuncian que vén de acontecer en Catalunya. 

O persoal mobilizado nos venres negros, que leva máis de seis meses denunciando abertamente a "manipulación" e as "presións políticas" na CRTVG, advirten agora da necesidade duns medios "plurais, que informen e formen con independencia do partido que estea no Goberno". "Podemos equivocarnos, pero os criterios deben ser xornalísticos", defenden, ademais de asegurar que non son "altofalantes" das fomacións políticas, "senón da sociedade" á que se "deben". 

"Necesitamos uns medios plurais, que informen e formen con independencia do partido que estea no Goberno"

O 29º venres negrou volveu servir, ademais, para demandar o arquivo do expediente aberto ao locutor Carlos Jiménez, nunha xornada de ponte e previa á semana na que profesionais dos medios públicos teñen previsto seguir coas mobilizacións, desta vez no marco da folga que se vén celebrando nas últimas semanas, en forma de paros parciais, e que ten o paro total de 24 horas do vindeiro 19 de decembro como próximo obxectivo. 

Logo dos exitosos paros parciais dos últimos días, persoal da CRTVG prepara xa esta gran mobilización, que consistirá nesa folga de 24 horas o mércores 19 de Nadal, así como unha concentración ante o Parlamento galego e unha manifestación que percorrerá o centro de Santiago. Nesa mesma xornada, o persoal dos medios públicos chama toda a cidadanía a que os acompañe nunha concentración que terá lugar ás portas da Cámara galega entre as 10 e as 12 horas, coincidindo co debate que se celebra ese mércores. Desde as 12, unha manifestación dirixirase á Praza Roxa, onde ás 13.30 horas se lerá un manifesto. A pancarta que encabezará a marcha resumirá as súas demandas: Non ao desmantelamento, non á manipulación, non á represión. En defensa do servizo publico.

Persoal da CRTVG levará a protesta ao Parlamento na folga do 19 de decembro, desde onde tamén sairá unha manifestación

Antes desa mobilización, e durante os próximos días, o comité intercentros da CRTVG prepara tamén accións de protesta que non foron desveladas e coas que pretenden rachar co "silencio mediático" que xa denunciaran e mostarlle o seu malestar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.