Persoal do Sergas comeza as protestas contra a supresión de áreas sanitarias

Concentración en Burela contra a nova lei de Saúde CC-BY-NC-SA Xunta Persoal área A Mariña

O Goberno galego lanzou nos primeiros días de agosto o proceso para reformar a vixente Lei de Saúde. Fíxoo mediante a publicación dun anteproxecto aínda aberto a consultas públicas que fixo saltar as alarmas no sector sanitario por prever a supresión de ata catro áreas nas que se organiza o Servizo Galego de Saúde. O mapa que bosquexa este proxecto suprime as áreas da Mariña, O Salnés, Monforte e O Barco de Valdeorras, unha reorganización que a Consellería de Sanidade defende como vía para "unha coordinación entre primaria e hospitalaria máis efectiva", pero que gobernos municipais non dirixidos polo PP, persoal do Sergas e oposición parlamentaria interpretan como unha nova vía para reducir servizos fóra das cidades. Esa alerta traduciuse nun calendario de mobilizacións que este mércores botou a andar.

Os hospitais afectados pola nova lei acolleron protestas que, no plano político, tiveron Vilagarcía e Burela como principais escenarios de rexeitamento á "concentración de servizos" e do "desmantelamento" da actual estrutura da sanidade pública. Á concentración ante o hospital do Salnés sumáronse dúas das tres forzas da oposición; pola banda de En Marea a súa vicevoceira parlamentaria, Carmen Santos, animou á mobilización porque "sabemos que é o que para as leis do PP, a xente xa demostrou noutras ocasións que é posible", desta volta para evitar "unha nova agresión de Feijóo á sanidade pública".

O persoal sanitario rexeita a desaparición das áreas da Mariña, O Salnés, Monforte e O Barco que prevé a lei impulsada pola Xunta

Ante o centro sanitario vilagarcián estivo tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen tamén concorda no chamamento á mobilización. "Esta lei -di a líder do Bloque- demóstranos algo que levamos moito tempo dicindo, que os recortes son ideolóxicos", toda vez que "xusto cando nos están dicindo que saímos da crise, cociñan novos recortes" e fano ademais "en pleno mes de agosto, con nocturnidade e aleivosía". A nova lei é para Pontón un "primeiro paso para o desmantelamento" dos hospitais comarcais e, ademais, un risco por abrir a porta a que "a prestación sanitaria non vaia en función das necesidades da poboación, senón en función dos recursos que o Goberno decida destinar".

En Marea, PSdeG e BNG uníronse ás mobilizacións convocadas polo persoal nos hospitais

O outro principal foco desta primeira xornada de protestas foi Burela, concentración na que estivo presente o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. Os socialistas, sinala, defenden "reforzar a sanidade pública" e hospitais como o burelense, os cales pasan a ser coa nova lei "hospitais de segunda" en "áreas sanitarias de segunda para cidadáns de segunda categoría", lamentou. "Non pode haber diferenzas na atención á cidadanía dunha zona a outra de Galicia", advertiu Leiceaga en compaña doutros dirixentes da formación.

Na Mariña, como no resto de áreas afectadas, as Xuntas de Persoal lembraron as "repercursións" que traería consigo a aprobación da lei promovida pola Xunta. No caso mariñao, resalta o persoal, o hospital Lucus Augusti de Lugo "absorberá a maior parte dos recursos" e a veciñanza da contorna "deberá percorrer os 100 quilómetros de distancia á capital da provincia con maior frecuencia que agora", o que implica afondar "na deterioración da sanidade pública". "Demandamos unha área de xestión integrada para A Mariña con plena capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada" e mais nos seus "recursos humanos e económicos", resumen. As mobilizacións contra a nova lei de saúde continuarán nas vindeiras semanas.

Protesta ante o Hospital do Salnés, en Vilagarcía CC-BY-SA En Marea
Protesta en Burela contra a nova Lei de Saúde CC-BY-NC-SA Xunta Persoal área A Mariña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.