Persoal sanitario e sindicatos do sector da sanidade volvéronse concentrar hoxe ante varios centros hospitalarios de Galicia en solidariedade con Teresa Romero, a auxiliar infectada polo virus do ébola en Madrid, e para denunciar a "mala xestión" levada a cabo tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia.
Persoal de varios centros hospitalarios denunciaron a mala xestión da crise do ébola en Galicia e no Estado
Ante as portas do Chuac na Coruña, no Arquitecto Marcide de Ferrol, no Hospital Clínico de Santiago, ante o Meixoeiro en Vigo, pero tamén en Monforte, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía ou Verín, persoal sanitario saíu á rúa con carteis nos que se pedía "respecto e formación", dúas palabras que definen as exixencias dun sector que denuncia a improvisación por parte das autoridades, así como as críticas que responsables públicos, como o conselleiro de Sanidade de Madrid, verteron sobre a propia enferma para explicar o primeiro caso de ébola en Europa. "Todos somos Teresa", aseguraron.
"Queremos formación, non manipulación", reclamaron os concentrados
Pprotocolo Popular = Privatizar e recortar, podíase ler nalgúns carteis que criticaron tamén a política de axustes e recortes masivos que están a levar a cabo os executivos centrais e autonómico cunha sanidade pública cada vez máis en precario. "Queremos formación, non manipulación", reclamaron tamén sanitarios que solicitaron a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, pero tamén da ministra Ana Mato.
Denuncian diverxencias entre os dous protocolos facilitados e que Galicia só dispoña dunha ambulancia especializada
Os sindicatos denuncian que os dous protocolos facilitados polo momento son diferentes en puntos tan importantes como o momento da retirada do traxe de protección, polo que piden tamén máis adestramentos. Ademais, advirten de que en Galicia só haberá unha ambulancia especializada en traslados de pacientes con ébola e que o traxe tan só se pode usar durante dúas horas, polo que sería imposible completar unha viaxe até Vigo, onde se ubica o centro de referencia no país, de contabilizar tamén o tempo necesario para poñer e quitar o uniforme.
Por outra banda, o director do Instituto de Salud Carlos III e membro do comité especial para a xestión da enfermidade polo virus do ébola, Antonio Andreu, recoñeceu que o equipo médico que trata a Teresa Romero están "esperanzado dentro da prudencia" ao respecto dunha posible evolución favorable da paciente, aínda que lembrou que "en medicina, facer afirmación preditivias é tremandamente arriscado".