Persoeiros galegos alzan a voz: "Salvemos Galicia da megaminería!"

O actor Luís Zahera, nun momento do vídeo © Change.org

A loita colle forzas. Varias personaxes públicas galegas alzan a voz contra a minería contaminante no país e alertan publicamente e a todo o Estado e ao mundo dos riscos que corre Galicia cos varios proxectos mineiros previstos para os vindeiros anos. Así, sumáronse a través dun vídeo reivindicativo en YouTube á petición on line que reclama á Xunta que "poña freo á megaminería en Galicia" e que conta xa con 34.000 sinaturas de apoio.

Entre os protagonistas do vídeo hai personalidades do cinema, da literatura, do xornalismo e do deporte como a actriz Sabela Arán; o xornalista Fernando González, Gonzo; o actor Carlos Blanco; o actor Víctor Mosqueira; o escritor Suso de Toro; Fernando Vázquez, adestrador do Real Club Deportivo da Coruña; Ramón Varela, xornalista ambiental, ou os actores Javier Veiga e Luís Zahera. Todos eles advirten en castelán dos riscos que asolan o país.

"Algo moi grave está a piques de suceder en Galicia e poucos o saben", advirten os protagonistas

"Algo moi grave está a piques de suceder en Galicia e poucos o saben", alertan, por exemplo, Carlos Blanco e Suso de Toro, que se unen ao resto de voces que advirten de que "Galicia abre as súas portas a multinacionais estranxeiras para se converter nunha gran mina a ceo aberto". "Millóns de euros, pero para uns poucos; aos galegos só nos quedará devastación, pobreza e uns cantos traballos precarios que desaparecerán en poucos anos", insisten, mentres se insiren imaxes das paisaxes galegas ameazadas ou de minas a ceo aberto xa construídas noutros lugares.

No vídeo ponse como exemplo de maior risco o proxecto mineiro de Corcoesto, cuxas magnitudes e consecuencias tamén se explican no vídeo ao que se une a etiqueta #salvemosgalicia. "Lembrades o que sucedeu en Aznalcóllar?", din nunha campaña na que tamén se culpa a Xunta por dar o visto e prace ás iniciativas sen que as empresas elaborasen estudos pormenorizados sobre os riscos. "En poucos anos, as empresas marcharán con todo e a Galicia non lle quedará nada", pode lerse sobreexposto.

"Lembrades o que sucedeu en Aznalcóllar?", advirten no vídeo os persoeiros implicados

"Paremos a megamineríai contaminante. Xuntos podemos", reclaman varios dos protagonistas ao final dun vídeo co que se unen a unha petición online que foi posta en marcha na plataforma Change.org por Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e protagonista tamén na peza audiovisual. "Entre as comunidades autónomas, Galicia é só a sétima por superficie pero a cuarta por produción mineira, con máis de 520 explotacións activas que non adoitan ser un exemplo de respecto pola lexislación e o patrimonio ambiental. Agora, a Xunta quere permitir que a cobiza das empresas mineiras converta toda Galicia nunha gran mina ao descuberto, arrasando o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, contaminando a contorna e pondo en risco a saúde das persoas", explica o creador da petición no texto.

A petición para deter os proxectos, dirixida á Xunta, xa sumou máis de 34.000 sinaturas

Ademais, Serafín González tamén describe algunhas das ameazas ás que se enfronta a contorna natural de Galicia: "Minas de ouro que utilizan cianuro e producen arsénico no proceso de obtención do escaso mineral (en Corcoesto e outro catro lugares); unha mina de coltán e terras raras potencialmente contaminante na Serra do Galiñeiro que afecta a varios núcleos de poboación; unha mina de andalucita a 50 metros das Fragas do Eume; reapertura de vellas minas xa clausuradas por todo o territorio ....".

Os destinatarios da petición son o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Os seus gabinetes reciben periodicamente un correo electrónico informando das novas firmas de apoio que consegue a petición. "Serafín está preocupado polos efectos que a megaminería pode ter en Galicia. Por iso decidiu iniciar esta petición, á que xa se sumaron máis de 30.000 persoas", di nun comunicado Francisco Polo, director de Change.org en España.

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.