Piden a declaración de Pontevedra como 'cidade antitaurina'

Presentación da petición no rexistro do Concello © Touradas fóra de Pontevedra

A plataforma Touradas fóra de Pontevedra entregou este mércores unha petición no rexistro do Concello na que demanda a declaración de Pontevedra como "Cidade Antitouradas e Amiga dos Animais". Ademais, propón a reconversión do coso de San Roque, na actualidade en mans privadas, nun coliseo de uso cultural e social. De igual xeito, pide a prohibición da propaganda das touradas en espazos públicos na cidade, "especialmente eses cartelóns que dificultan a mobilidade en determinadas rúas".

Finalmente, solicita do Goberno municipal a súa implicación para erradicar este espectáculo e "o compromiso de non promocionar ningunha causa taurina". Denuncia neste senso que "actualmente o concello colabora na edición dunha guía taurina chamada La guía de los toros 2013 e tamén critica que "aluga a praza para un espectáculo na feira franca, subvencionando indirectamente as touradas polos beneficios que lles reporta aos empresarios donos do recinto".

A plataforma solicita do Goberno municipal a súa implicación para erradicar este espectáculo e "o compromiso de non promocionar ningunha causa taurina"

Os colectivos en contra das corridas de touros en Pontevedra levan varios anos intensificando as súas protestas, convocando manifestacións cada verán que ano tras ano crecen en participación. Este martes 8 de xullo O martes 8 ás 20 horas a plataforma Touradas fóra de Pontevedra celebrará no Salón de Actos do edificio dos sindicatos (rúa Pasantería, 1) unha asemblea aberta informativa co obxetivo dar a coñecer o plan de traballo marcado para este verán e seguir sumando forzas na loita antitouradas. A asemblea servirá tamén para preparar novos actos reivindicativos, comezando por unha nova manifestación na apertura das festas da Peregrina. O pasado ano a plataforma organizou tamén unha cadea humana que rodeou a praza de touros da cidade coa que lle demandaba á Deputación de Pontevedra "o cese inmediato das axudas indirectas e encubertas as touradas".

A asemblea servirá tamén para preparar novos actos reivindicativos, comezando por unha nova manifestación na apertura das festas da Peregrina

A proposta para converter o actual coso nun centro público que acolla actividades culturais e sociais foi tamén lanzada hai uns meses por Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fondation Franz Weberque a imitación de proxectos semellantes noutras cidades da Península propoñían para o espazo "unha xestión independente, coa participación do Concello de Pontevedra, axentes sociais e económicos da cidade", que a través da creación da Fundación Cultura garantiría "o obxetivo sociocultural da infraestructura, que funcionará baixo o nome Praza da Cultura”.

Presentación da petición no rexistro do Concello © Touradas fóra de Pontevedra
Praza de touros de Pontevedra CC-BY-SA Davisuke

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.