Piden a supresión definitiva das taxas xudiciais (que non desapareceron de todo)

Manifestación contra as taxas xudiciais en Ferrol Dominio Público @subiendoelpan

En febreiro do pasado ano o Real Decreto-lei 1/2015 eximiu as persoas físicas do pagamento de taxas xudiciais, unha obriga derivada da Lei 10/2012, unha norma moi criticada polas forzas da oposición, entidades sociais e organizacións de profesionais da xudicatura, que alertaran de que esta imposición supuña de facto unha limitación no acceso dos cidadáns á xustiza. No seu primeiro ano de aplicación preséntanse en España ao redor dun 25% menos de causas nos xulgados, o que para as entidades críticas coa medida implicaba que ao redor de 250 mil persoas en toda España renunciaran á xustiza, sobre todo no referido ás segundas instancias e ás apelacións.

Este martes o Congreso debateu e aprobou a toma en consideración dunha moción que pide que pequenas e medianas empresas e organizacións sen ánimo de lucro sexan liberadas desta carga

Unha vez que as persoas físicas quedaron exentas desta obriga, o tema perdeu visibilidade mediática, aínda que a taxa seguía vixente para empresas e ONGs (con cantidades que van dos 300 aos 1.200 euros). Este martes o Congreso debateu e aprobou a toma en consideración dunha moción que pide que pequenas e medianas empresas e organizacións sen ánimo de lucro sexan liberadas desta carga, unha demanda que apoian PSOE, Podemos e Ciudadanos, entre outros grupos. O PP, que apoiou tamén a toma en consideración, sen deixar claro o sentido final do seu voto, reiterou -a través de José Ignacio Zoido- que "as taxas non obstaculizan o acceso á xustiza".

"A cidadanía teoricamente exenta de taxas as acaba aboándoas mediante a condena en custas xudiciais, xerando unha situación de dobre condena económica", subliñan as tres entidades

Pola súa banda, Jueces para la Democracia, a Unión Progresista de Fiscales e o Sindicato de Letrados da Administración de Xustiza fixeron público un comunicado conxunto no que piden a supresión definitiva das taxas, mediante a derrogación completa da Lei de Taxas de 2012, por fundamentarse "nun modelo mercantilista dos servizos públicos, que pretendía xeneralizar, tamén na xustiza, o chamado repago". Ademais, lembran que aínda que a reforma do pasado ano eximía as persoas físicas do seu pagamento, "a cidadanía teoricamente exenta de taxas as acaba aboándoas mediante a condena en custas xudiciais, xerando unha situación de dobre condena económica". Por exemplo, se unha persoa xurídica demanda a unha física e condenan a esta última ao pagamento das custas, a persoa física pagará a taxa como parte das custas xudiciais.

As tres entidades salientan que a norma "culpabilizaba a cidadanía e profesionais de ser os causantes da precaria situación da Administración de Xustiza, cuxo ineludible proceso modernizador paralizou o Executivo". "A Lei pretendeu mellorar o atraso dos asuntos en xulgados e tribunais pola vía de incrementar os custes dos procedementos, impedindo ou limitando o exercicio do dereito á tutela xudicial efectiva da maioría da poboación", engaden.

Denuncian ademais que a recadación obtida mediante esta taxa non se destinou a sufragar "o dereito de asistencia xurídica gratuíta"

Denuncian ademais que a recadación obtida mediante esta taxa non se destinou a sufragar "o dereito de asistencia xurídica gratuíta", como se defende dende o Goberno, senón que son as Comunidades Autónomas as que se fan cargo deste servizo "á marxe da recadación estatal", lembran

Manifestación contra as taxas xudiciais en Ferrol Dominio Público @subiendoelpan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.