Pídenlle á Xunta que non lle negue a un coruñés o tratamento contra o cancro “por motivos económicos”

Rafael leva máis dun ano agardando polo tratamento que lle foi receitado Dominio Público change.org

Rafael é un veciño da Coruña, de 68 anos, a quen lle foi diagnosticado un cancro de próstata, e a quen os médicos lle receitaron un novo tratamento, aprobado xa a nivel estatal. Porén, a súa familia denuncia leva máis dun ano agardando a que a Consellaría de Sanidade aprobe a aplicación deste tratamento, e sospeitan que as razóns son "económicas", nun intento de aforrar custes. A súa familia leva recollidas máis de 170 mil sinaturas a través de change.org solicitándolle á Xunta que o autorice.

"A Consellería de Sanidade non aproba a solicitude a pesar da prescrición médica, sospeitamos que por motivos económicos”, explica María

A petición foi iniciada por María Andrade, filla do paciente. “O meu pai leva varios anos con cancro de próstata. Despois dalgunhas melloras, o cancro reaxiu e os urólogos receitáronlle abiraterona, un tratamento que está a dar moi bo resultado para tratar a súa enfermidade, que se propagou a outras partes do corpo, e que podería evitar que teña que recibir quimioterapia. Con todo, a Consellería de Sanidade non aproba a solicitude a pesar da prescrición médica, sospeitamos que por motivos económicos”, explica María no texto. Tras varios atrasos e ante a falta de información, a familia do paciente presentou reclamacións no departamento de Asistencia Sanitaria da Consellaría, no Hospital e no Valedor do Pobo.

“Paréceme incrible que, a pesar de que conseguimos máis de 170.000 firmas de apoio en pouco máis de dúas semanas, a Xunta nin sequera se puxo en contacto con nós para falar do tema e facilitarnos máis información”, explica María por correo electrónico desde Perú, onde reside actualmente. “Por non responder, a Consellería de Sanidade non respondeu nin sequera a algúns xornalistas que chamaron ao seu gabinete de prensa durante os últimos días para preguntar sobre a situación do meu pai”, engade.

Tal e como explica María nun documento que redactou para explicar en profundidade a evolución dos acontecementos, “no ano 2013, desde o Servizo de Uroloxía do CHUAC, e ante a situación de que os diferentes tratamentos aplicados non estaban a posibilitar un control da enfermidade do meu pai, trasladouse a posibilidade de aplicar un tratamento alternativo e recentemente aprobado para este tipo de cancro, o cal se identifica como abiraterona”. A nova indicación para a abiraterona que afecta á situación de Rafael (pacientes prequimioterapia) aparece xa publicada no Boletín Mensual da Axencia Española do Medicamento de novembro de 2012.

"O que está claro é que o tempo corre e que este medicamento podería axudar non só ao meu pai, senón a moitos outros pacientes que están na súa situación en toda España”

“Ademais, parece que hai unhas semanas o Ministerio de Sanidade chegou a un acordo de teito máximo de gasto co laboratorio Janssen, que produce a abiraterona”, explica María no documento. “Polo tanto, non entendemos por que a Consellería segue negando o medicamento se este está aprobado e mesmo se fixou un prezo. O que está claro é que o tempo corre e que este medicamento podería axudar non só ao meu pai, senón a moitos outros pacientes que están na súa situación en toda España”, engade.

Rafael leva máis dun ano agardando polo tratamento que lle foi receitado Dominio Público change.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.