Pídenlle ao Concello de Vigo que evite novos desafiuzamentos na cidade

Concentración de apoio a Analía Méndez, en Vigo Dominio Público PAH Vigo Tui-Baixomiño

Aurelia, Elisabeth, Analía..., a precariedade ten en Galicia nome de muller. O caso de Analía Méndez, unha muller de Vigo que a partir do 1 de xaneiro terá que abandonar coas súas fillas menores de idade a súa casa, é por desgraza un de tantos, e serve como altofalante das terribles situacións que sofren milleiros de persoas no noso país. Sen ingresos, acumula unha débeda de 5.500 euros correspondentes ao alugueiro dun piso na rúa Pizarro que terá que desaloxar este 31 de decembro, tras chegar a un acordo coa propietaria.

A Plataforma Antidesafiuzamentos de Vigo e Val Miñor demándalle ao Concello que a realoxe nalgún dos milleiros de pisos baleiros existentes na cidade, no marco dun "servizo de vivendas para as persoas e familias co alto risco de exclusión social" que, esixen, debería ser posto en marcha de inmediato. Esta mañá, baixo unha forte chuvia, un cento de persoas concentráronse ante a súa vivenda, nun acto no que Analía explicou a súa situación.

A Plataforma de Afectados polos Desafiuzamentos de Vigo e Val Miñor, que convocou a concentración que este luns serviu de apoio a Analía e á súa familia, lembrou que hai “corenta pisos de propiedade municipal en Rosalía de Castro"

Analía Méndez, nai de dúas nenas de 10 e 15 anos, recibiu do Concello o compromiso de que a administración se faría cargo da metade da débeda, pero iso non solucionaría o problema, pois carece de ingresos para continuar pagando. De igual xeito, foille concedida a axuda do RISGA, segundo lle foi comunicado este xoves, pero ainda non sabe cando vai comezar a cobrala e, en calquera caso, estes ingresos serían insuficientes para a súa subsistencia se tivese que seguir pagando un aluguer. Non culpa, en calquera caso, á propietaria da vivenda pois, asegura, "é a única persoa que me veu axudando", e polo tanto vai cumprir o compromiso ao que chegou con ela para abandonar a casa sen ter que recorrer a instancias xudiciais.

A Plataforma de Afectados polos Desafiuzamentos de Vigo e Val Miñor, que convocou a concentración que este luns serviu de apoio a Analía e á súa familia, lembrou que hai “corenta pisos de propiedade municipal en Rosalía de Castro" e que igualmente "existe un compromiso por parte do alcalde de evitar calquera desafiuzamento en Vigo", polo que instaron a Abel Caballero a que cumprise a súa palabra.

Concentración de apoio a Analía Méndez, en Vigo Dominio Público PAH Vigo Tui-Baixomiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.