Polémicas iniciativas dos promotores do proxecto da batata xa foron rexeitados no Estado

Recreación dunha futura planta de Termo-Biológicas © Termo-Biológicas

O informe que a empresa impulsora do megaproxecto de batata na Costa da Morte presentou a varios concellos confirma os vínculos deste con outros semellantes, polémicos e rexeitados xa anteriormente noutras comunidades autónomas, logo de peticións milmillonarias de indemnizacións e varios conflitos xudiciais. A empresa Termo-Biológicas prevé un gran proxecto de xeración de biocombustible que implicaría varios municipios. Un plan para xerar biodiésel a partir da plantación da pataca doce en amplas extensións de terreos da zona, co obxectivo dun grande impulso industrial e de emprego e que requiriría un mínimo de 200.000 metros cadradados de solo e uns 20.000 millóns de litros de auga anuais. 

A construtora Lysply é a promotora dunha industria "condicionada totalmente" ás patentes de Daniel González, impulsor de polémicos e fracasados proxectos enerxéticos

Termo-Biológicas, tal e como recoñece a propia compañía, é unha firma "instrumental" creada hai poucos meses en Galicia e de matriz foránea (en Panamá) "peticionaria" dunha iniciativa industrial que leva a cabo a construtora Lysply,  "promotora" real do proxecto, segundo indica a empresa na documentación presentada ante varios concellos da Costa da Morte a que tivo acceso Praza Pública. Ademais, e tamén segundo esta mesma documentación, esta industria está "condicionada totalmente ás patentes enerxéticas da sociedade mercantil Guradoor" e co "consentemento pleno" de Daniel González González e Daniel González Uranga, autores das patentes. 

En resumo: Lysply, Guradoor e Daniel González, tres figuras que aparecen xa vinculadas a anteriores e polémicos proxectos enerxéticos en Andalucía ou nas Canarias. En ambos os dous casos, o resultado final foi o mesmo: as iniciativas foron botadas abaixo polos gobernos autonómicos e a xustiza tivo que ser quen rexeitara as elevadas peticións de indemnización por parte da empresa. De ata 620 millóns de euros diarios.

Os outros grandes proxectos de Lysply foron rexeitados polas administracións tras reclamacións milmillonarias da compañía rexeitadas pola Audiencia Nacional

Daniel González é un enxeñeiro canario presidente agora de Termo-Biológicas e propietario tamén da contrutora Lysply, empresa que intentou a construción dun laboratorio de enerxía solar na localidade tinerfeña de Granadilla de Abona pero que non contaba coas licenzas esixibles. En xaneiro de 2013, a Audiencia Nacional desestimou a indemnización milmillonaria que a compañía reclamaba ao Eatado e ao Goberno das Canaras polo precinto do seu proxecto.

Lysply pretendía que se condenase a ambas as dúas adminitracións a pagarlle 50 millóns de euros diarios a contar desde o 9 de febreiro de 2009 e ata que se satisfixese esa compensación polos danos que dicía ter sufrido pola cancelación das obras daquel laboratorio. O Executivo canario suspendéraas por ocupar solo rústico protexido, carecer de licenza urbanística, levarse a cabo sen cualificación territorial e sen a autorización da Dirección General de Energía. A Garda Civil e a policía local tiveran que colaborar no precinto das obras e a Fiscalía denunciouu aos responsables da firma por delitos conra a ordenación do territorio, contra o  medio ambiente e desobediencia.

Reclamou 50 millóns de euros diarios en concepto de responsabilidade contra os ministerios de Xustiza, Traballo e Medio Ambiente, o Goberno de Canarias e o Concello de Granadilla. A sentenza non só non lle deu a razón, senón que lembrou que a orde de suspensión nin tan sequera fora impugnada pola compañía. 

Lysply pediu indemnizacións de 50 e de 620 millóns de euros ao día pola paralización dos proxectos de enerxía solar nas Canarias e en Andalucía

Algo semellante ocorreu en Andalucía. Daquela foi o deserto de Tabernas, en Almería, o lugar onde a empresa Guradoor -da que Daniel González era apoderado- quixo montar unha grande horta solar de 20.000 hectáreas que daría emprego á zona durante vinte anos. Presentouse en 2012 e pretendía unha central termoeléctrica no devandito deserto, ocupando tamén zonas de Murcia e Albacete. Para encargarse da instalacións, a empresa contaba cunha construtora encargada: a mesma Lysply. O Concello deu luz verde á utilización dos terreos.

Pero o resto de administracións (Ministerio de Industria, Junta de Andalucía e goberno da Región de Murcia) botaron atrás o proxecto por non cumprir a normativa que requiría este tipo de instalacións. A empresa presentou unha demanda ante a Audiencia Nacional, argumentado que o silencio administrativo administrativo ás súas solicitudes lle causara un grave prexuízo. Reclamou unha indemnización de máis de 620 millóns de euros diarios desde maio de 2012, cantidade que se correspondería co beneficio que esperaban coa actividade.

Varios concellos negan compromiso ningún e a empresa responde presentando documentación das súas xuntanzas coa Xunta

En Galicia, desde hai meses, representantes da empresa reúnense xa con propietarios de terreos, comuneiros, cooperativas e administracións. Fontes municipais de concellos aseguran que os contactos limitáronse a unha presentación do proxecto, unha conversa moi por riba e sen sinatura de pacto ningún. Unha iniciativa nada clara aínda, máis aló das intencións. E varios colectivos ecoloxistas denuncian o escurantismo da proposta e mesmo a falta de constancia na Xunta do proxecto e piden "máxima transparencia e cautela institucional". AGE tamén levou ao Parlamento as sombras que arrodean este megaproxecto. 

Termo-Biológicas contestou cunha nota na súa web na que se especifican as xuntanzas mantidas coa Administración autonómica e na que se achegan documentos que probarían o primeiro visto e prace da Secretaría Xeral de Avaliación Ambiental, que non aprecia "obxeción ningunha á implantación de devandita actividade, sempre e cando se cumpran os condicionantes e requirimentos legalmente establecidos e, con carácter previo á execución do proxecto, se superen os preceptivos trámites ambientais". 

Plantación de batata CC-BY-SA Paulo Juntas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.