"Polos dereitos e liberdades das mulleres que os gobernos do PP están eliminando"

Manifestación feminista © Susete

Toda a oposición criticou a "precariedade laboral" e a "discriminación" que sofren as mulleres. Fíxoo co gallo do Día Internacional da Muller que se celebra este domingo e en varios actos previos, nos que se criticou con dureza a marxinación do xénero feminino, especialmente no eido laboral. 

O BNG lembra que "desde 2008 máis de 70.000 mozas abandonaron Galiza"

O BNG, durante o acto celebrado en Vigo, lembrou que "desde o ano 2008 máis de 70.000 mozas abandonaron Galiza”, denunciando tamén “a precariedade laboral das mulleres", que cobran menos salario os homes, ao tempo que adoitan ocuparse do coidado dos seus fillos ou de persoas dependentes. Así o destacou a deputada Carme Adán.

Pola súa parte, Esquerda Unida cualificou a situación laboral da muller de “insoportable”. O deputado de AGE, Ramón Vázquez, cre que estas sofren "unha situación límite, de absoluta supervivencia" e considera que o "paradigma social" no que se vive, en relación aos dereitos da muller, é "verdadeiramente depredador". Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, censurou que un día que debera ser de festa se converta "nun día de reivindicación" ante un PP "que desfixo o camiño andado tras séculos de reivindicacións". 

AGE cre que a situación da muller "é límite, de absoluta supervivencia" e o PSdeG critica que oo PP "desfixese o camiño andado en séculos"

O PP, pola súa banda, manifestou “o seu compromiso de seguir traballando pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes para acadar un modelo social avanzado sen barreiras nin discriminacións por razón de xénero”. 

Ademais, toda a oposición animou a acudir á manifestación unitaria que o movemento feminista levará a cabo este domingo en Compostela. “De novo ocupamos xuntas as rúas, para amosar que seguimos e seguiremos unidas na loita polos nosos dereitos, para acadar plena autonomía e liberdade, para conseguir unha cidadanía que non teña que ver coas imposicións normativas ou cos estereotipos que actualmente nos encorsetan”.

Este é un dos primeiros párrafos do manifesto que lerán algunhas das participantes na praza de Praterías, unha vez que remate a manifestación que organizan varios colectivos do feminismo galego de forma unitaria para reivindicar uns "dereitos e liberdades que os gobernos do PP están eliminando".

A manifestación unitaria do feminismo reivindicará uns "dereitos e liberdades que os gobernos do PP están eliminando"

De feito, o lema elixido para este acto no que participarán asociacións e organizacións feministas, sindicatos e partidos políticos é Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita, subliñando pois a importancia de que as mulleres galegas "camiñen da man nesta loita dirixida a non permitir nin un paso atrás e, polo tanto, ir sempre para diante".

A manifestación sairá ás doce da mañá da estación de Ferrocarril e rematará en Praterías, onde ademais de ler o manifesto, Ana Romaní e Xiana Arias dirixirán unhas verbas ás e os asistentes. Pandereiteiras e unha batucada porán a nota musical a un acto no que, como é habitual nesta data, mistúrase a reivindicación co carácter festivo da propia conmemoración.

"Os recortes en dereitos sociais, laborais, a violencia que se exerce sobre as mulleres ou a pretendida nova contrarreforma da Lei do Aborto que remata co dereito a decidir das mulleres novas, son algunhas das reivindicacións que se porán de manifesto nesta acción conxunta do domingo 8", advirten. 

Marcha polo Día Internacional da Muller en Compostela Dominio Público @XesusVazquez
Manifestación feminista © Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.