Pontevedra recorre a nova autorizacion ambiental que a Xunta deu a Elnosa

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

Pontevedra recorrerá a nova autorización ambiental concedida pola Xunta a Elnosa para manter a súa actividade en Lourizán. O Concello anunciou este martes o recurso co que tratará de "evitar a agresión á ría e aos miles de habitantes" que, segundo denuncia, supón o "mantemento" da empresa na súa ubicación actual. 

O Concello di que recorre para tratar de "evitar a agresión á ría e a miles de habitantes" que supón o "mantemento" de Elnosa en Lourizán

O goberno local responde así ao anuncio da Consellería de Medio Ambiente deste luns da renovación da autorización ambiental á fábrica produtora de cloro xusto unhas horas antes do cesamento obrigado da súa actividade polas condicións impostas pola UE e o veto ao uso de mercurio no proceso industrial. Agora, o Concello decidirá se opta "pola presentación dun recurso administrativo contra a resolución da Xunta ou desbota este percorrido e apela directamente a vía xudicial"

“É unha revisión de carácter político, concedida polo PP a Elnosa, unha empresa de fóra e utilizando 60 traballadores como chantaxe para cuestionar a viabilidade da ría de Pontevedra e poñer en risco a vida de miles de persoas. Non esquezamos que a ninguén en ningún sitio de Europa se lle admitiría unha planta de cloro nunha ubicación urbana”, asegurou este martes a tenente de alcalde, Carme da Silva, que aclarou que no Concello aínda non teñe comunicación oficial da resolución da concesión, á que a administración local presentara un informe negativo. 

“É unha revisión de carácter político, concedida polo PP e utilizando 60 traballadores como chantaxe", di o Concello

Nese documento, o Concello lembraba que non se contemplaran na autorización ambiental cuestións como a cantidade de auga captada, que se incrementara o volume de residuos e no que se advertía do incumprimento de distintos parámetros de emisións. Ademais, o goberno local tamén quería saber "como van acircular os camións de cloro pola área urbana e periurbana de Pontevedra, xa que Elnosa propón producir hipoclorito mentres non desmantela a actual planta e constrúe unha nova con tecnoloxía de membrana (sen uso) na actual ubicación".

Malia non ter resposta oficial da Xunta, o Concello xa traballa "na mellor fórmula para enfrontar a renovación da autorización ambiental" e recoñece que a sorpresa foi "relativa" porque o Goberno galego xa anunciara antes do pasado luns que ía dar o visto e prace ao proxecto de Elnosa.

O goberno local anuncia "todos os intrumentos ao alcance da man" para intentar evitar que Elnosa permaneza na ría

"O Concello de Pontevedra vai a utilizar todos os instrumentos que ten ao alcance da man -de disciplina urbanística, administrativos e xudiciais- para intentar evitar “unha agresión á ría de Pontevedra e aos miles de habitantes da zona como a que supón manter unha cloreira en Lourizán", dixo Da Silva, que cre que a vía libre a Elnosa "non responde a ningún dos parámetros de actividades industrias", senón a unha "decisión de carácter político, do PP, que utiliza o Goberno galego e o Goberno do Estado para beneficiar a unha empresa de fóra”.

"A única explicación que ten isto e que segue a mesma folla de ruta que seguiron con Ence e que agora seguen con Elnosa", din desde o Concello, que acusa a Xunta de "traballar para beneficiar unha empresa e condenar a ría e aos veciños a unha situación de risco". Ademais, o Concello esixe ao Goberno galego que explique "que obras" se van facer na instalación para deixar de producir cloro con mercurio xa que a autorización abmiental "non ampara ningunha obra nesa instalación".

“Para facer obras precisa unha autorización expresa de Costas e necesita tamén un título habilítante” engadiu a tenente de alcalde. "Non poden obviar a autorización do Concello aínda que consigan a declaración de proxecto de incidencia supramunicipal da Xunta pois hai unha sentenza do Tribunal Supremo que recolle que a supramunicipalidade pasa por riba do permiso municipal só cando falamos dunha iniciativa pública, non dunha privada, como é o caso", remata. 

Carme da Silva © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.