Representantes de PDI e PAS laboral e funcionario das tres universidades galegas, USC, UdC e da UVigo, presentaron ante o Valedor do Pobo unha queixa para mostrar o seu rexeitamento aos recortes orzamentarios no sistema universitario galego. Denuncian que os recortes “violan a autonomía universitaria e o principio de boa administración con actuacións sen respaldo no ordenamento xurídico”
"Agradecemos a recepción e a entrevista que nos fai o Valedor e sobre todo agardamos que transmita a queixa" afirma Alba Nogueira, presidenta da Xunta de PDI funcionario de Santiago, que explica que "esta acción simbólica dos colectivos das tres universidades galegas non quedará aquí, falaremos cos reitores e coas asociacións estudantís para traballar xuntos, non se pode consentir unha política que non aposta polo coñecemento". Nogueira salientou que "o gasto por alumno é máis baixo en Galicia, hai uns recortes salariais enormes, unha falta de fondos para investigación que están a levar á rúa a moita xente, pero tamén recortando a actividade investigadora” e engadiu que a situación é tal que até se está cortando a subscrición a revistas que “mesmo resistiron no tempo da guerra civil”.
"Esta acción simbólica dos colectivos das tres universidades galegas non quedará aquí, falaremos cos reitores e coas asociacións estudantís para traballar xuntos"
Segundo o persoal, o Plano de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011- 2015 pactado pola Xunta de Galicia e as Universidades recolle unhas achegas que non se están cumprindo. Segundo os órganos de representación do persoal, a Xunta vén violando a autonomía universitaria incumprindo o dereito fundamental á educación e o principio de autonomía universitaria recollido no artigo 27.10 da Constitución.
Os recortes salariais aplicados ao persoal das universidades públicas seguen as determinacións fixadas polos Criterios interpretativos sobre o axuste retributivo das entidades integrantes do SUG, documento que non ten o carácter dunha instrucción interna por dirixirse a outras Administracións, as universitarias, nin ten carácter dun regulamento autonómico "xa que nin na forma nin no procedemento de elaboración reviste este carácter", afirman os órganos de representación do persoal. Ademais, a Xunta incumpre o principio de igualdade no sostemento do gasto público reflectido no artígo 31 da Constitución Española, ao fixar recortes en complementos de produtividade que só ten unha parte do persoal, ademais de violar o disposto nos convenios colectivos. Para evidenciar a precariedade económica na que se atopan as universidades galegas, resaltou que “nas bibliotecas non hai libros para os estudantes, estamos masificando as aulas e está deixando de haber bolsas para os estudantes”, cuestións estas que considera indicativas do “estado miserábel” no que está a universidade pública galega.
“Nas bibliotecas non hai libros para os estudantes, estamos masificando as aulas e está deixando de haber bolsas para os estudantes”
"Precisamos máis recursos se queremos que Galicia sexa un país con futuro e non un país condenando ao fracaso", afirma Nogueira. "Queremos de Galicia un modelo con formación, investigación e de alto nivel, non queremos ir cara un modelo de precarización e de minijobs", sinala Xosé Antón Romero, presidente da Xunta de Persoal de PAS da USC. "Entendemos que o modelo cara o que vai o goberno actual é erroneo, queremos que a sociedade se decate da situación". Romero afirmou que esta medida co Valedor é "para gañar a opinión pública" xa que afirma que nestos momentos "unha maioría está na nosa contra por pensar que somos un grupo moi protexido que facemos o que queremos".
"Precisamos máis recursos se queremos que Galicia sexa un país con futuro e non un país condenado ao fracaso"
José Carlos Santos, da UdC, afirma que se uniron por dúas razóns básicas. A primeira, de carácter laboral e salarial: "nos últimos anos as nosas condicións foron a bastante peor con perda de nivel adquisitivo" e a segunda "debido a degradación do servizo en si, a política de recortes que está levando a cabo o goberno está degradando a universidade, por iso decidimos unirnos".
Esta queixa ante o Valedor é contra o Presidente da Xunta de Galicia e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria polas actuacións da Xunta de Galicia que incumpren o establecido no Plano de Financiamento e nas dotacións das leis de Orzamentos de Galicia para I+D. "Entendemos que o Valedor esta designado por quen está designado, tampouco nos vai a resolver este problema, o que queremos é poñer de manifesto a queixa e que a opinión pública vaia tomando conciencia de cal é a situación", afirma Xosé Antón.