Presentan na Mariña o 'Trivial Feminista'

O 'Trivial Feminista' realizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade © Observatorio da Mariña pola Igualdade

O Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de presentar o seu Trivial Feminista, froito de dous anos de traballo e composto por 1000 preguntas, entre as que se poden atopar un bo número referidas a mulleres galegas. O obxectivo deste proxecto é "visibilizarmos e pórmos en valor as achegas e logros das mulleres de distintos recantos do planeta e de distintos períodos históricos, denunciando a súa frecuente marxinación en todos os eidos do coñecemento humano e das sociedades".

O obxectivo deste proxecto é "visibilizarmos e pórmos en valor as achegas e logros das mulleres de distintos recantos do planeta e de distintos períodos históricos, denunciando a súa frecuente marxinación en todos os eidos do coñecemento humano e das sociedades"

O resultado acadado "foi posíbel grazas ao traballo inicial do profesorado e alumnado de distintos centros mariñáns, pois foron elas e eles quen dedicaron horas de titorías a investigaren desde unha perspectiva feminista sobre as Ciencias, a Xeografía e Historia, a Arte e Literatura, o Deporte ou a Cultura e Espectáculos", como un primeiro paso para discorreren as preguntas e respostas deste Trivial Feminista.

No ano 2010 o Observatorio levou a cabo o estudo Actitudes de xénero no profesorado e alumnado da Mariña. Claves para unha escola coeducativa, no que se evidenciou "a necesidade de pór en marcha actividades nas que alumnado e profesorado se implicasen dun xeito claro, e a través das cales se puidese afondar no coñecemento do feminismo e das achegas das mulleres de todo o mundo ao desenvolvemento das sociedades ao longo do tempo", segundo as súas responsables.

Na súa elaboración participou alumnado de secundaria dos Institutos de Educación Secundaria da Mariña

O Trivial Feminista está composto por 200 tarxetas con 1000 preguntas e respostas: 200 de Ciencias, 200 de Xeografía e Historia, 200 de Arte e Literatura, 200 de Deportes e 200 de Cultura e Espectáculos, e na súa elaboración participou alumnado de secundaria dos Institutos de Educación Secundaria da Mariña, concretamente o IES de Alfoz, IES de Foz, IES Perdouro e IES Monte Castelo de Burela, IES Dionisio Gamallo Fierros e IES Porta da Auga de Ribadeo, IES Marqués de Sargadelos de Cervo, IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Vilar Ponte de Viveiro e IES Illa de Sarón de Xove.

Entre as preguntas atopamos, por exemplo, En que vila da Mariña lucense naceu a artista Maruxa Mallo en 1902? (Viveiro); Como se titula o libro co que Eva Moreda gañou o X Premio de Narracións Xuvenís Rúa Nova no ano 1997? (Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota); Que poeta, filóloga e ensaísta nacida en Ribadeo  tivo que figurar como subdirectora (e non directora) da revista Nordés, polo feito de ser muller? (Luz Pozo Garza); En que distancia foi tres veces campioa mundial a atleta ribadense Ana Ferradás? (100 km); Que vila lucense organizou en 2011 a Copa de España de Fútbol Sala Feminino? (Burela) ou Que música galega creou no ano 2000 o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín? (Ugia Pedreira).

O deseño e a maquetación do Trivial Feminista correu a cargo dos mariñáns Marcelino Cageao e Diego Núñez. O xogo ten un prezo de 40 euros (35 euros para soci@s do Observatorio) e xa se poden facer reservas a través do correo observatorioigualdade@gmail.com ou no teléfono 627.037.668.

O 'Trivial Feminista' realizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade © Observatorio da Mariña pola Igualdade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.