Presentan unha alternativa á "obsoleta" e "custosa" obra de saneamento da ría de Ferrol

Vista da Ría de Ferrol dende o Monte de Ancos Dominio Público Praza Pública

O proxecto de saneamento da ría de Ferrol componse dunha serie de actuacións cun elevado custe económico que, en principio, buscan un correcto tratamento das augas, para recuperar a ría para o marisqueo e para, ademais, cumprir coa normativa europea. As obras, cun custe inicial de 38 millóns de euros, aos que haberá que sumar outros 23 millóns en obras complementarias, prevén a construción dunha rede unitaria onde se mesturan as augas fecais coas pluviais, e que serán dirixidas á estación depuradora situada no Cabo Prioriño.

SGHN, Adega e Verdegaia veñen de presentar o informe A ría de Ferrol e o seu saneamento, presente e futuro, que foi elaborado conxuntamente coa Asociación de Veciños El Pilar, ao longo dunhas xornadas de debate sobre o tema, celebradas hai uns meses. O estudo é moi crítico coas actuacións que se están levando a cabo, que considera ineficaces e un desbaldimento de cartos, e presenta un plan alternativo de saneamento para a ría, pedíndolle ao Partido Popular que reconsidere a súa aposta por un sistema "obsoleto" e que "deixe de mentirlles aos cidadáns".

O documento acusa á administración de que "debido ao seu desleixo e á súa falta de previsión-planificación botaron por terra o previsto na planificación urbanística de Ferrol, onde se esixe o uso de rede separativa con obxecto de dotar á cidade dunha rede de saneamento sostible". Lembra igualmente que "non se ten en conta a especial consideración de nosa Ría como zona sensible da costa oceánica" e sinala que "Augas de Galicia non permite o vertido á Ría de augas e de produtos residuais susceptibles de contaminar as augas continentais ou costeiras".

O documento acusa á administración de que "debido ao seu desleixo e á súa falta de previsión-planificación botaron por terra o previsto na planificación urbanística de Ferrol, onde se esixe o uso de rede separativa"

O pasado ano Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas, activistas de Verdegaia, denunciaban nun artigo publicado no Diario de Ferrol que o modelo escollido, o saneamento unitario de augas pluviais e fecais, resulta "insuficiente e insubstentable dende o punto de vista ambiental e económico", pois "non elimina totalmente os verquidos de augas residuais á ría e ten e vai ter uns enormes costes constructivos, de mantemento e enerxéticos a asumir por todos os cidadáns nas próximas décadas, vía endebedamento público e subida da tarifa do servizo". Lembran que este modelo xa non se utiliza na meirande parte dos países de Europa, e citan a opinión de expertos como o enxeñeiro e profesor da Universidad da Coruña, Juan Joaquín Suárez, que propón a xestión separada de augas.

A Directiva Marco da Auga do ano 2000 obriga a diminuir a niveis aceptables a contaminación dos ecosistemas acuáticos a fin de protexer o medio e a saúde humana. En consecuencia, antes do final do ano 2018 todos os estados membros da UE deberán demostrar que as augas costeiras, esteiros, ríos, lagos, augas territoriais mariñas e augas subterráneas se axustan a estes límites. Porén, Carrodeguas e Reimúndez sinalan que "a Ría de Ferrol vaino ter moi crú", pois "despois de investimentos de perto de douscentos millóns de euros, no 2015 seguirán sen depurar, entre outras, tanto as augas residuais daqueles núcleos urbanos que os novos interceptores non recollen, como as augas suxas ocasionadas polo lavado que a chuvia produce nos materiais almacenados á intemperie nas instalacións portuarias (chatarra, carbón, áridos contaminantes...), que continuarán a verquerse directamente á ría".

"Despois de investimentos de perto de douscentos millóns de euros, no 2015 seguirán sen depurar, entre outras, tanto as augas residuais daqueles núcleos urbanos que os novos interceptores non recollen"

De igual xeito, denuncian que en Narón e Ferrol os tanques de tormenta previstos "van misturar augas brancas (freáticas), augas residuais e augas de chuvia", e van envialas "todas xuntas ao colector xeral para ser depuradas, impedindo a súa reutilización". Tamén sinala que "no caso dunha chuvia forte que comprometa a capacidade de retención dos tanques", o que sucederá un número de días moi importante cada ano -cando menos 120- "esta mistura de augas vai ser derivada directamente á ría, provocando un verquido contaminante". De feito, o informe presentado esta semana sinala que "polo tamaño destes tanques e pola avaliación antes exposta, non se entende que se lles denomine tanques de tormentas, pois estes tanques non son capaces de reter a máis común das precipitacións da zona e xa non digamos as máis tormentosas".

"Non se entende que se lles denomine tanques de tormentas, pois estes tanques non son capaces de reter a máis común das precipitacións da zona e xa non digamos as máis tormentosas"

Finalmente Carrodeguas e Reimúndez auguran que despois do 2018 "seguramente asistiremos a outra posta en escea na que se nos explicará que o saneamento que agora se está construir non vale, e que, para evitar sancións da UE, hai que construir novas infraestruturas cuxo custe millonario só pode saír dos nosos petos". "Non estaría mal que, por unha vez, nos adiantáramos ao futuro", conclúen.

Vista da Ría de Ferrol dende o Monte de Ancos Dominio Público Praza Pública
Os vertidos vanse dirixir á estación depuradora situada no Cabo Prioriño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.