Preséntase o 'Manifesto en defensa dun xornalismo ao servizo da cidadanía'

Haberá redaccións xornalísticas nunhas décadas? CC-BY UEM

"Chamamos a todas as forzas políticas, administracións públicas e asociacións representativas dos medios privados para que contribúan con responsabilidade a preservar o dereito da cidadanía a dispoñer de información de calidade e salvagardar un valor esencial da democracia". O Foro de Organizacións de Xornalistas, do que forman parte o Colexio de Xornalistas, o Sindicato de Xornalistas e as agrupacións de periodistas de CC.OO. e UGT. vén de publicar o Manifesto en defensa dun xornalismo ao servizo da cidadaníaque se presentará este venres en Madrid. 

O texto demanda unha lei de transparencia e acceso á información pública. Ademais chama a "preservar os medios públicos de comunicación"

As organizacións asinantes instan o Goberno "a que tome conciencia de que o afundimento da prensa afecta directamente os alicerces da democracia, a cuxa construción no noso país contribuíron con exemplaridade os medios de comunicación e os seus traballadores". E denuncian que "os despedimentos, o empeoramento das condicións laborais, as ofertas de traballo escravistas e os peches de medios nos últimos anos están causando un grave deterioro da calidade informativa, limitan a independencia dos xornalistas e debilitan o compromiso da prensa coas liberdades".

O texto demanda unha lei de transparencia e acceso á información pública. Ademais chama a "preservar os medios públicos de comunicación" e reclaman que "non deben ser analizados desde a visión da rendibilidade económica senón da rendibilidade social que deben dar". Tamén lles piden aos cidadáns que non esquezan "o grao de responsabilidade dos políticos no deterioro da credibilidade dos medios públicos coas súas estratexias de control da información e co nomeamento de representantes nos consellos que non responden os esixibles perfis de independencia".

Piden "examinar coidadosamente todos os expedientes de regulación de emprego do sector da comunicación que se presenten"

Piden igualmente "erradicar a precariedade laboral dos periodistas" e explican que "esta precariedade e inseguridade laboral está impedindo que os informadores poidan desenvolver con independencia de criterios o seu labor de mediadores da información veraz á que ten dereito a cidadanía". Consideran  "urxente un plan de axudas á prensa, que debe estar condicionado ao mantemento do emprego; un plan destinado a impulsar proxectos innovadores, non unha vía de financiamento de recortes laborais e salariais". Por iso piden "examinar coidadosamente todos os expedientes de regulación de emprego do sector da comunicación que se presenten".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.