Profesores da USC critican o proxecto de encanamento do río en Sarria

Vista áerea de Sarria, na que se advirte o 'corredor verde' que forma o río e as árbores da súa ribeira © Plataforma Sarriana polo Río

Catro profesores da USC, pertencentes aos departamentos de Produción Vexetal e Enxeñaría Agroforestal, Isabel Iglesias, Antonio Rigueiro, Santiago Lamosa e Guillermo Riesco, veñen de remitirlle un escrito ao presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil no que critican o proxecto de encanamento do río en Sarria, sobre todo no referente á tala de amieiros, e lembran que este tipo de actuacións "van quedando anticuadas en sociedades avanzadas en aspectos ambientais, preferíndose actuacións brandas máis respectuosas co medio ambiente e a paisaxe". No escrito destaca, sobre todo, a presenza de Antonio Rigueiro, catedrático de Produción Vexetal e unha referencia en toda España no seu campo de investigación.

Lembran que este tipo de actuacións "van quedando anticuadas en sociedades avanzadas en aspectos ambientais, preferíndose actuacións brandas máis respectuosas co medio ambiente e a paisaxe"

O texto considera "cuestionable e inxustificada" a morte destas árbores de ribeira (Alnus Glutinosa), de "considerable idade", unha "especie autóctona" que está desaparecendo en gran cantidade en Galicia ao ser moi afectada pola enfermidade producida polo fungo Phytophtora alni". Lembran que hai "178 árbores" afectadas pola actuación, todas sas agás dúas. Afirman igualmente que o proxecto prevé "a destrución dun bosque de ribeira protexido pola Directiva Hábitat da Rede Natura. 

No escrito os catro profesores sinalan que é "fundamental a protección do arborado", que "contribúe de maneira moi significativa a mellorar a calidad ambiental da cidade". Tamén lembran que a presenza destas zonas verdes no centro das vilas ten igualmente efectos sociais positivos, así coma psicolóxicos: "a creación de lazos na comunidade, o benestar psíquico ou a redución do estrés". Sinalan que isto é aínda máis importante en Sarria, que "non conta precisamente cunha dotación de zonas verdes proporcionada á súa dimensión e poboación".

No texto subliñan que os bosques de ribeira teñen unha gran importancia porque "fixan as marxes dos cauces, regulan a temperatura da auga e crean filtros verdes". Os investigadores explican que neste momento "a comunidade científica aposta polo desenvolvemento da infraestrutura verde na cidade" e pola "conservación do bosque urbano como espazos que permanecen na cidade como reflexo da natureza presente na zona antes da súa expansión".

Conclúen destacando que este tipo de actuacións "van quedando anticuadas en sociedades avanzadas en aspectos ambientais, preferíndose actuacións brandas máis respectuosas co medio ambiente e a paisaxe", e propoñen a realización dun inventario do arborado existente e da súa valoración económica, e a súa conservación, xunto coa plantación de novas árbores para substituír ás que vaian desaparecendo.

Vista áerea de Sarria, na que se advirte o 'corredor verde' que forma o río e as árbores da súa ribeira © Plataforma Sarriana polo Río
A Illa do Toleiro, en Sarria © Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.