Prolingua pide a retirada dos cargos aos acusados de rebentar a marcha de Galicia Bilingüe en 2009

Manifestación de Galicia Bilingüe en Compostela CC-BY-SA Gzvideos

"Sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista? Catro anos en prisión por se manifestar na rúa? Identificados e aldraxados polo simple feito de falaren galego? Apreixados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos?". Prolingua vén de publicar unha carta de apoio ás doce persoas acusadas de rebentar, o 8 de febreiro de 2009, a manifestación convocada por Galicia Bilingüe en Compostela contra a política de normalización lingüística, cuxo xuízo comezará este martes en Compostela, despois de numerosos adiamentos. A Fiscalía pide para eles un total de 45 anos de cadea, acusados de desordes públicas e resistencia á autoridade, e máis de 30.000 euros de multa por dano patrimonial.

A Fiscalía pide para eles un total de 45 anos de cadea, acusados de desordes públicas e resistencia á autoridade

Na carta publicada por Prolingua, esta entidade expresa a súa "total solidariedade coas encausadas e encausados" e esixe "a retirada de todos os cargos que a fiscalía lles apón a estas persoas, convencidos de que o seu xuízo é un proceso político que converte os agredidos en agresores, que retrata o galego coma unha lingua imposta, e que subverte os termos dun suposto confrontamento lingüístico que só existe no ánimo duns poucos". Prolingua considera, ademais, que o proceso se converte "de facto na xudicialización dunha realidade que só fixo agravarse nos últimos cinco anos e que sitúa a lingua de Galicia nunha das etapas máis regresivas da súa normalización".

Prolingua cualifica a manifestación convocada hai máis de cinco anos por Galicia Bilingüe de "demostración de odio foi irresponsabelmente apoiada polo Partido Popular"

A plataforma de apoio á lingua galega cualifica a manifestación convocada hai máis de cinco anos por Galicia Bilingüe de "demostración de odio foi irresponsabelmente apoiada polo Partido Popular" que "a un mes vista das Autonómicas de 2009, fixo seu o falso argumentario de GB e procurou votos nun caladoiro no que concorrían tamén destacados membros de Falange Española ou outros grupos sen representación na cámara galega como UPyD". E lembra que na marcha se repetían "consignas que abaixaban a dignidade da lingua galega e dos seus falantes" e que os manifestantes "non só clamaban contra os principais textos normativos que durante décadas artellaron a convivencia lingüística neste país –desde o Estatuto de Autonomía á Lei de Normalización a pasar polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento- senón que denunciaban a 'opresión' sufrida polo castelán en Galicia".

AGE rexistrou un escrito para que o Parlamento amose a súa solidariedade e apoio aos manifestantes que serán xulgados

De igual xeito, Alternativa Galega de Esquerda vén de rexistrar un escrito para que o Parlamento de Galicia amose a súa solidariedade e apoio aos manifestantes en defensa do galego que serán xulgados. O documento expón que, ao longo dos últimos cinco anos, "a lingua propia do país e quen a defende coñeceron numerosos ataques e aldraxes estigmatizantes” e, ao tempo, insta ao Parlamento a asumir que “as diferenzas políticas e sociais non se poden criminalizar” e que “a protesta cidadá é lexítima”. O texto debaterase mañá no órgano de goberno do Hórreo.

Manifestación de Galicia Bilingüe en Compostela CC-BY-SA Gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.