Promovendo o voluntariado dende unha furgoneta

Mariana, Juan e Ira Dominio Público Praza Pública

Mariana Romero, documentalista ourensá, acompañada do seu compañeiro Juan Cortes e da súa cadela Ira, iniciaron esta semana unha viaxe por Europa, de duración indefinida, coa que buscan promover o volutariado e difundir o labor de distintas ONG's. O percorrido, que están realizando nunha furgoneta, comezou este martes en Majadahonda (Madrid), e polo momento levounos até Galicia, dende onde continuarán nos vindeiros días pola costa cantábrica, para dirixirse despois cara á costa mediterránea. O seu obxectivo é manter entrevistas con representantes de distintas entidades sociais, e documentar estes encontros e o conxunto da viaxe en vídeos e textos que irán publicando na web creada para esta iniciativa, www.atripwithira.com

Iniciaron este proxecto porque querían salientar a importancia de "dar a coñecer as posibilidades do voluntariado en Europa"

Mariana, profesional da imaxe e o son e especialista en dirección documental e Juan, desenvolvedor de software na cooperativa devtopia.coop, coñecéronse en Kenya, facendo voluntariado, pero iniciaron este proxecto porque querían salientar a importancia de "dar a coñecer as posibilidades do voluntariado no noso propio continente, en Europa”. Mariana e Juan destacan que "ademais de recibir información puntual a través de internet", as persoas que sigan as evolucións dos ocupantes desta furgoneta do ano 1986, "poderán participar na aventura suxerindo persoas, organizacións ou proxectos a incluír na viaxe".

"Hai entidades que están facendo un traballo importantísimo para moitas persoas, e que merecen que o seu labor se difunda", indica Mariana. Na web da viaxe irán publicándose, polo tanto, entrevistas cos responsables das distintas asociacións que contacten e unha pequena reportaxe que dará conta da súa actividade e funcionamento.

Na web da viaxe irán publicándose, polo tanto, entrevistas cos responsables das distintas asociacións que contacten e unha pequena reportaxe que dará conta da súa actividade e funcionamento

O proxecto é posible grazas ao financiamento conseguido a través de crowdfunding, e a súa duración dependerá do que rendan as achegas xa recibidas (890 euros) e das que a partir de agora se produzan a través do seu sitio web. “En todo o momento queremos que fique claro que o diñeiro que recademos será destinado exclusivamente a continuar a viaxe (combustible, comida, etc.) e sempre se saberá en que o gastamos. Se conseguimos voltar con algo de diñeiro, doarémolo á asociación máis votada entre as que visitemos durante a nosa viaxe”, subliña Mariana.

A presenza da cadela, Ira, recollida por Juan tras ter sido abandonada pouco despois de nacer, ten unha función moi importante, ademais. Mariana e Juan queren amosar "os pros e contras de viaxar cun can polo continente". “Investigaremos en cada país en que lugares podemos entrar e a cales non, e que problemas nos encontramos”, engade Juan.

Mariana, Juan e Ira Dominio Público Praza Pública
Mariana e Ira Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.