Propoñen a creación dunha comisión parlamentaria que inicie a abolición dos festexos taurinos

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, a Asociación Animalista Libera, a Fondation Franz Weber e a Mesa de Participación Cidadá propoñen unha nova comisión no Parlamento galego para iniciar os trámites lexislativos que permitan avaliar a fin das touradas na comunidade. Os abolicionistas presentan a iniciativa baseando as súas argumentacións no propio regulamento, consolidado en outubro do pasado ano, que faculta á Mesa do Parlamento á creación de comisións de carácter especial ou permanente. Neste caso, a proposta solicita a figura dunha Comisión non permanente con carácter de estudo, que sería, a xuizo dos colectivos impulsores, o primeiro paso para rematar coa tauromaquia en Galicia.

Os abolicionistas presentan a iniciativa baseando as súas argumentacións no propio regulamento, consolidado en outubro do pasado ano, que faculta á Mesa do Parlamento á creación de comisións de carácter especial ou permanente

Na actualidade as touradas son legais grazas a unha excepción recollida na Lei 1/93 de Protección dos Animais, que no seu artigo 5º exceptúa este espectáculos violentos. Á Comisión pola Abolición corresponderalle avaliar a potencial fin desta actividade cruenta, comparando tamén cos pasos dados noutras partes do mundo, como os exemplos de Catalunya e as Illas Canarias, pero tamén as decisións que se tomaron en varios países sudamericanos.

Os promotores desta comisión salientan que a inmensa maioría dos galegos e galegas está en contra da celebración de festexos taurinos e de que os mesmos conten con subsidios por parte das institucións. Tamén lembran que a última enquisa elaborada polo Ministerio de Cultura amosa que o 99,2% da cidadanía galega non asiste a festexos taurinos. Malia a todo isto determinadas institucións públicas, coma os concellos da Coruña, Padrón ou Sarria, ou a Deputación de Pontevedra, seguen ofrecéndolles aos empresarios organizadores de touradas subvencións públicas e outro tipo de apoios.

"A cidadanía galega ten unha postura moi clara e sinxela, non queren que cos seus impostos se continúe a financiar un espectáculo de violencia e anacrónico”

Rubén Pérez, voceiro de Galicia, Mellor Sen Touradas, explica que "se trata dunha proposta aberta, innovadora e rompedora, que permitirá fomentar a participación dos diferentes axentes sociais e políticos nun proceso imparable, que é a abolición das touradas no noso territorio”. E conclúe que “a Mesa do Parlamento ten que tratar esta cuestión coa seriedade que require un convite para crear unha comisión, sen caer en argumentos absurdos como os que puidemos escoitar no último debate ao redor da tauromaquia no pleno. A cidadanía galega ten unha postura moi clara e sinxela, non queren que cos seus impostos se continúe a financiar un espectáculo de violencia e anacrónico”.

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.