PSdeG, AGE e BNG piden que a Xunta explique a morte dunha muller no "colapsado" Hospital de Vigo

Hospital Xeral de Vigo © Sergas

Unha muller de 81 anos faleceu a pasada madrugada no servizo de Urxencias do Hospital Xeral de Vigo mentres agardaba para ser atendida. O Sergas afirma que xa se abriu unha investigación interna para coñecer os motivos do sucedido e estas mesmas fontes descartan en principio que se producira un caso de mala praxe -foi valorada por un médico ao chegar-. Porén, PSdeG, AGE e BNG xa anunciaron que esixirán que a Xunta dea explicacións no Parlamento e que a Consellería de Sanidade abra unha investigación.

As tres formacións fan fincapé no "colapso" e na "masificación" que sofre o Servizo de urxencias do Hospital Xeral de Vigo

As tres formacións fan fincapé no "colapso" e na "masificación" que sofre o Servizo de urxencias do Hospital Xeral de Vigo. Os socialistas realizarán unha pregunta no Parlamento para coñecer o estado das urxencias en Galicia nun contexto de "sobrecarga" de traballo no que "non se cobren as baixas". AGE sinala que esta situación se agravou dende o comezo de marzo "polo aumento de incidencias, entre outras, das enfermidades respiratorias" e que "a situación alcanzou un índice insoportable dende o luns día 4 de marzo cando o tempo de espera para cama de hospitalización e probas diagnósticas alcanzou, nalgúns casos, demoras de ata dez horas". Dende AGE engádese que neste caso a muller permaneceu agardando en urxencias durante tres horas, "o que fai evidente a necesidade de abrir unha investigación ao respecto" e de que a Xunta e a Consellería de Sanidade realicen "melloras no servizo para que os casos de colapsos e as súas consecuencias non se repitan".

Para Carlos Aymerich, a morte da paciente no servizo de Urxencias de Vigo "é consecuencia da aplicación dunha  política de recortes da administración galega polo que pedirá sexan investigadas as causas"

Pola súa banda, o BNG lembra que a situación de “colapso” do hospital é "coñecida polo Goberno galego tras ser denunciada recentemente a través dun informe do Consello de Contas". Para o portavoz de Sanidade do BNG, Carlos Aymerich, o Goberno galego non tivo en conta a recomendación do informe sobre a necesidade de reforzar o  servizo nin tomou medidas para melloralo, moi ao contrario, seguiu practicando recortes que mesmo agravaron o “seu colapso”. Para o nacionalista, a morte da paciente no servizo de Urxencias de Vigo "é consecuencia da aplicación dunha  política de recortes da administración galega polo que pedirá sexan investigadas as causas".

Hospital Xeral de Vigo © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.