PSOE e Ourense en Común piden protexer Benposta

As instalacións de Benposta, na actualidade © Ourense en Común

Hai uns meses iniciouse o proceso de poxa dos terreos de Benposta, que un día acolleron o proxecto da Cidade dos Muchachos. En total, eran 32.284 metros cadrados situados no lugar de Seixalbo e que aínda mantiñan parte das instalacións daquela utópica iniciativa, que decaeu a partir dos anos noventa. En marzo o PP rexeitou (coa abstención de Democracia Ourensana) que o Concello elaborase un informe técnico sobre a posibilidade de adquirir estes terreos para garantir a súa protección e aproveitamento público. E, finalmente, esta semana a empresa de transporte Alfer fíxose coa súa propiedade por 400 mil euros, moi por debaixo dos millón e medio solicitado inicialmente.

PSdeG-PSOE e OUeC presentaron no pleno deste venres unha moción que demanda incluír Benposta no inventario xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

PSdeG-PSOE e Ourense en Común (OUeC) presentaron no pleno municipal deste venres unha moción que demanda incluír Benposta: Cidade dos Muchachos no inventario xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, actualizando ao tempo o Catálogo do PXOM coa limitación dos usos urbanísticos permitidos e a creación dunha área de protección.  

"Perdemos unha oportunidade única de facernos cuns terreos que se engadirían ao patrimonio municipal, sinalou esta semana o concelleiro de OUeC Martiño Xosé Vázquez, unha vez coñecido o resultado da poxa, que "evidencia a irresponsabilidade do Partido Popular, que podería ter adquirido e protexido un espazo único". "Non estamos falando do patrimonio edificatorio como comprende Jesús Vázquez Benposta, senón que estamos falando dun patrimonio cultural de incalculable valor. Un experimento educativo, o nacemento do circo contemporáneo e un proxecto que levou o nome de Benposta por todo o mundo”, destaca a formación.

Na poxa a empresa de transporte Alfer fíxose coa súa propiedade por 400 mil euros, moi por debaixo dos millón e medio solicitado inicialmente

"O máximo que podemos facer dende o Concello é protexer o espazo, unha vez que non se puido levar a cabo a iniciativa que OueC e PSOE entendiamos que era a mellor: que o Goberno local liderara un proxecto para ese espazo", sinalou o edil de OUeC, que lembrou mesmo o valor arquitectónico do poliedro de Benposta (coñecido como "a cúpula"), realizado polo recoñecido arquitecto Emilio Pérez Piñero. "Benposta non son só fincas e plusvalías. É  vergoñento comprobar como xestores públicos son incapaces de recoñecer e protexer un proxecto como o de Benposta. Así é que aglutina todo o necesario para ser considerado como patrimonio cultural material e inmaterial. Os seus valores son claros dende un punto de vista histórico, estético, artístico, educativo, simbólico e incluso para quen só mira o económico a implementación dun proxecto para o lugar pode ser motor de desenvolvemento local", salientara hai unhas semanas.

Para OUeC, o resultado da poxa "evidencia a irresponsabilidade do PP, que podería ter adquirido e protexido un espazo único"

Ademais desta iniciativa política, hai outros movementos na cidade que traballan para evitar a privatización e desmantelamento de Benposta, o espazo e o seu valor como patrimonio. Por unha banda, a propia Fundación Benposta ten presentado un recurso administrativo contra a poxa dos terreos. Ademais, a Asamblea Aberta Benposta Ourense -formada por colectivos sociais, veciñais, políticos e persoas individuais- quere protexer "o patrimonio tanxible e intanxible de Benposta" e alerta, así mesmo, que alí residen de forma habitual ao redor de 25 persoas.

“Dende OueC consideramos moi positivo que a cidadanía se empodere e tome unha postura proactiva en defensa dese patrimonio, pero entendemos que a institución municipal ten unhas obrigas”, afirmou esta semana en rolda de prensa Martiño Xosé Vázquez, instando a protexer ese terreo a través da modificación do PXOM, que dende o 2003 considera o espazo como solo urbano. O novo plan urbanístico, en elaboración, aínda non definiu o status que terá ese terreo.

De igual xeito, como publica La Región este venres, o empresario Bartolomé Pidal apostaría por desenvolver alí, a través da Fundación Nortempo, un proxecto educativo "con identidade propia", pedindo a paralización da venda a Alfer e ofrecendo un pagamento notablemente superior (615 mil euros).

 

As instalacións de Benposta, na actualidade © Ourense en Común
As instalacións de Benposta, na actualidade © Ourense en Común
Benposta © Ariadna Arnés

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.