"Puta", "Burra", "Porca"..., tamén violencia machista

Unha das imaxes da campaña do Centro de Información á Muller © Concello de Pontevedra

O Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra iniciou unha campaña con motivo do 25 de novembro, Día internacional da loita contra a violencia de xénero, que denuncia outros tipos de violencia, previos á agresión física. A campaña inclúe a difusión de cartaces e colocación en lugares públicos de imaxes nas que destacan palabras como "Puta", "Porca" ou "Burra", representando insultos que moitas mulleres reciben das súas parellas de forma cotiá. Os cartaces conclúen que "a violencia machista nunca empeza por unha paliza. Páraa antes".

Segundo a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, "atopámonos nun momento de retroceso no ámbito da violencia por onde as mulleres mortas (a última aínda está quente) son a punta de lanza dun grave problema no que hai milleiros de persoas implicadas". A concelleira explica que "o desenlace da morte ten unha antesala que é o fondo da campaña deste ano: insultos, formas de falar coas mulleres na casa... as veces máis en broma e outras máis severa e agresiva". Fouces engade que "todas as mulleres nalgún momento escoitaron ese tipo de frases: sobre a súa forma de vestir; sobre as cousas que temos que facer na casa; ou sobre a súa capacidade intelectual". A edil conclúe recomendando que "a vítima inicie unha nova vida" cando se "chega a estes límites, cando aparecen sinais evidentes".

A campaña xerou xa unha certa polémica e algunhas críticas polo uso, en cartaces e anuncios públicos, destas palabras. Dende o Centro de Información á Muller destacan que crear ese "impacto" para "remover conciencias" era o obxectivo da campaña. "Se vos parece que esas palabras son unha agresión visual como espectadores ou espectadoras imaxinádevos como será a sensación que as mulleres vítimas da violencia machista teñen que soportar a cotío por parte dos seus compañeiros", sinalan. "Non minimicemos ningunha agresión a través da súa banalización, fagamos todos e todas a nosa parte para intentar desterrar estes compartamentos violentos. Eduquemos os nosos fillos e fillas na súa identificación e no seu rechazo claro e directo, sen cortapisas e sen panos quentes", engaden.

A campaña complétase cunha programación de actos ao redor do 25 de novembro. As actividades comezarán o luns 24, ás 20.30 horas no Teatro Principal, coa presentación da asociación de mulleres que traballan no ámbito da violencia e a lectura dun manifesto. O propio martes 25 están convocadas en Pontevedra dúas concentracións contra a violencia de xénero; ás 12 horas (convocada pola CIG) e ás 20 horas (convocada polo Consello da Muller). O mércores 26, ás 19 horas na Casa das Campás, entregaranse os premios Ernestina Otero. O xoves 27, ás 12 horas no Paraninfo do IES Sánchez Cantón, presentarase o programa de intervención en centros educativos Namorando. Finalmente, o domingo, ás 20 horas na Teatro Principal, presentarase a obra de teatro do CIM Ramón, Ramón.

 

Actos en Lugo polo 25 de novembro

De igual xeito, en Lugo a Vicepresidencia Primeira da Deputación organiza un conxunto de actos baixo os lemas O machismo mata e Cambiar o conto é cousa de todas/os. O vicepresidente e responsable de Benestar, Deportes e Igualdade da Deputación, e o delegado de Cultura e Turismo, Antonio Veiga e Mario Outeiro, sinalaron que estas actividades teñen como obxectivo primordial “insistir na concienciación e resolución desta grave problemática social, algo que non debe quedar circunscrito única e exclusivamente ao 25 de novembro, xa que mulleres son asasinadas durante todo o ano en toda Galiza e todo o Estado, polo que debe haber resposta todos os días do ano”.

O primeiro acto terá lugar este xoves coa proxección no Museo Provincial de Lugo do documental Muller(es)Muller e posterior debate coa participación de Inés Pintor, protagonista e directora do documental, e María Reimóndez, escritora e tamén protagonista. O programa terá continuidade o mércores, día 26, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos coa representación da obra Mal Tratadas, a cargo de Microefectos Dramatúrxicos. Pecharanse as actividades o venres, día 28, coa contacontos Soledad Felloza, que lle ofrecerá aos máis pequenos da casa o seu conto Érase dúas veces… (unha segunda oportunidade para os contos de sempre)

Unha das imaxes da campaña do Centro de Información á Muller © Concello de Pontevedra
Unha das imaxes da campaña do Centro de Información á Muller © Concello de Pontevedra
Unha das imaxes da campaña do Centro de Información á Muller © Concello de Pontevedra
Cartaz das actividades que se desenvolverán en Lugo CC-BY-SA Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.