"Que non nos rouben os nosos montes"

Manifestación contra a privatización dos montes comunais Dominio Público @obloque

Centos de persoas manifestáronse este sábado en Compostela en contra da privatización do montes comunais. A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) e a Federación Rural Galega (FRUGA) convocaron esta manifestación apoiada, entre outros, polo BNG e AGE para demandar unha fiscalidade propia para as comunidades de montes e a condonación das “falsas e inxustas débedas” que lles atribúe a Xunta e que, alertan, poderían forzar unha privatización da xestión de moitos destes montes. "Que non nos rouben os nosos montes”, foi o lema baixo o que varios centos de persoas percorreron as rúas compostelás.

A comunidade de montes comunais acusa a Xunta de querer "usurpar" a xestión destes aos comuneiros e de "impedir" que estes se encarguen da súa posta en valor

Xosé Alfredo Pereira, presidente da comunidade de montes en man común denunciou que a Xunta ten "o dobre obxectivo" de "usurpar" da xestión dos montes veciñais aos comuneiros e de "impedir" que estes sexan os protagonistas da súa posta en valor. Fïxoo nunha marcha na que estivo presente o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que acusou o PP de "quererlle roubar os montes" ás 3.000 comunidades de montes de Galicia. Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE, tamén acudiu á protesta e acusou a Xunta de "facer un crime contra a identidade deste país".

"As débedas veñen dun espolio, de cando os montes lles foron expropiados aos veciños e veciñas e entregados aos concellos, por iso falamos dunha débeda inxusta”, destacara esta semana a ORGACCMM. Xa no postfranquismo procedeuse á devolución dos montes, nalgúns casos incompleta, aparecendo a figura dos consorcios e dos convenios, xeradores destas débedas. "A débeda, ademais, é falsa", destácase, e "procede do cálculo que a Xunta fai dos investimentos realizados pola administración nos montes, en virtude deses convenios, pero sempre que lles pedimos os saldos de conta destes gastos, entrégannos un cálculo feito a lapis e papel, unha mostra do escaso control contable que tiñan destas débedas”. "Por iso falamos tamén de débeda falsa", engade.

As entidades convocantes advirten de que o Goberno galego podería privatizar parte dos montes veciñais a través da Lei de Montes

As dúas entidades convocantes denuncian que o Goberno galego podería privatizar parte dos montes veciñais a través da Lei de Montes, unha denuncia que a pasada semana a deputada do BNG Tereixa Paz levou ao Parlamento. A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, negou estas acusacións e sinalou que "a Xunta non vai expropiar nada", alegando que no caso de que unha Comunidade de Montes non pague as súas débedas “non se lles expropia nin arrebata a propiedade, senón que se lles priva de recibir axudas e subvencións”.

Denuncian, así mesmo, que todas as comunidades de montes que no 2016 non paguen estas débedas estarán obrigadas a asinar un contrato de xestión cunha empresa forestal privada, e se non o fan serán castigadas sen axudas públicas ou subvencións, unha ameaza na que os e as comuneiras ven unha medida de presión para forzar a privatización. En contraposición, as comunidades esixen a condonación e anulación desas débedas: "A Lei de Montes do Estado español permite a condonación das débedas dos montes conveniados ou consorciados, sempre que o titular da terra se comprometa a xestionala mediante un instrumento de xestión", destacan os convocantes. Porén, a pasada semana no Parlamento Rosa Quintana cualificou como "inxusto" pedir e conceder "unha condonación das débedas a determinadas comunidades cando hai moitas que aboaron a súa débeda e moitas que xestionan correctamente os seus montes e teñen ingresos sen necesitar do apoio da Administración".

Os montes veciñais en man común ocupan 650.000 hectáreas, un terzo do territorio da Galicia, e están xestionados democraticamente por unhas 3.000 comunidades, que reúnen 250.000 comuneiros e comuneiras. Segundo a comunidade de montes veciñais, a política forestal do PP na Xunta ten dous obxectivos: “roubar a xestión dos montes á veciñanza comuneira para entregarlla de balde ás empresas forestais privadas” e “impedir que a veciñanza comuneira sexa protagonista da posta en valor das terras comunitarias para despois xustificarse para a súa privatización”. Así, denuncia a este respecto a falta de investimentos públicos nos montes veciñais: “As comunidades de montes deixaron ser principais beneficiarias de axudas públicas, en detrimento das industrias forestais”. Subliña tamén o investimento “en obra cultural, social e comunitaria que realizan as comunidades de montes para contribuír a ter unha calidade de vida digna no medio rural" e que se vería limitada con esta privatización da xestión.

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2014/11/22/madrid/1416651220_315716.html

"Nós temos unha visión do monte radicalmente distinta á política de montes que ten o Partido Popular", destaca. "Nós apostamos por un monte multifuncional e sustentábel, xestionado pola veciñanza comuneira. E eles apostan por un monte forestal en monocultivo, con especies de crecemento rápido e cultivos enerxéticos, e porque o monte sexa a base de industrias agresivas, coma a megaminaría. Eles necesitan terra. E onde está a terra dispoñible en Galicia? Nos montes veciñais". "O PP leva perseguindo iso dende hai anos. Se non poden arrincarlles aos veciños e veciñas a propiedade dos montes, cando menos arrincarlles a xestión", conclúe.

"O sistema capitalista non admite os montes comunais: non se poden vender, non se poden embargar, non se pode facer negocio con eles, e aínda por riba están xestionados democraticamente pola veciñanza comuneira", engade.


Crítica á Lei de Montes

"O sistema capitalista non admite os montes comunais: non se poden vender, non se poden embargar, non se pode facer negocio con eles, e aínda por riba están xestionados democraticamente pola veciñanza comuneira"

O pasado martes, en rolda de prensa, o coordinador xeral da FRUGA, Manuel da Cal, lembrou que a nova Lei de Montes "non contou co beneplácito maioritario das organizacións que forman parte do Consello Forestal", en contraposición á norma anterior, "da etapa do BNG á fronte da Consellaría do Medio Rural", que si concitara o consenso "unánime" no sector forestal. Da Cal criticou que a actual norma, ademais de “desnaturalizar o monte veciñal”, non satisfai as necesidades do rural galego pois “retoma a forestación de terras agrarias e cuestiona a viabilidade das explotacións deste país por falta de terra que cultivar que contribúa a reducir os custes de produción”, sinalando que Galicia é "unha das zonas de Europa con menor superficie agraria útil".

A manifestación demadou igualmente "un plan orzamentario para a posta en valor dos nosos montes", proceder de inmediato aos deslindes de todos os montes veciñais por conta da administración, un reinvestimento diferenciado, atendendo ás condicións sociais, demográficas e económicas e unha fiscalidade propia para os montes veciñais.

Manifestación contra a privatización dos montes comunais Dominio Público @obloque
Manifestación contra os recortes salariais en Citroën Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.