Vén de saír do prelo Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia, un volume colectivo coordinado por Xan Duro e Xoán Hermida que recolle 17 traballos sobre distintas temáticas medioambientais e sobre a relación que establecemos coa nosa contorna. O libro, publicado por OBenComún (selo editorial de Espazo Ecosocialista Galego) presentarase este mércores 4 en Compostela (ás 20 horas na libraría Couceiro) e o sábado 7 na Coruña (ás 12 horas na Casa da Fariña). Nas vindeiras semanas haberá actos de presentación en Ferrol (mércores 11), Pontevedra (xoves 12), Vigo (mércores 18), Ames (xoves 19), Ourense (xoves 26), Lugo (venres 27) e Ribadeo (sábado 28).
A obra realiza unha serie de propostas para un modelo social e económico alternativo, nun contexto de superación do pico do petróleo convencional e de escaseza de materias primas, que obrigan ademais a unha presión cada vez máis insoportable sobre a natureza, e nun contexto tamén de crise global do sistema capitalista e de efectos sociais cada vez máis importantes. Entre os e as autoras dos traballos que compoñen a obra, atopamos a Ramón Fernández, Carolina Jack, Jose Manuel Sánchez, Xiao Varela, Xoán Doldán, Isabel Vilalba, Xosé Veiras, María Durán Beloso, Antonio García Allut, Xosé Santos Otero, Fernanda Couñago, Pablo Ángel Meira Cartea, Manuel Dios, Pepa Vázquez, Emilio Manuel Martínez Rivas ou María Xosé Vázquez Rodríguez.
“Aínda que a nivel estatal hai bastante literatura sobre estes temas, sobre a ecoloxía política e os cambios que pode traer o futuro, non había un libro pensado dende a óptica galega ou adaptado á nosa realidade social e económica”, destaca Xan Duro. O libro é fundamentalmente divulgativo e propón unha porta de entrada a moitos temas, escollendo aqueles que son centrais en Galicia, dende o transporte, os residuos, a pesca, o rural, a soberanía alimentaria... E tamén incorporando outras cuestións máis amplas, recorrendo á frase de pensa global, actúa local, como por exemplo as achegas sobre o mundo da cooperación ou a realidade da pobreza. Falamos con Xan Duro.
"Cando a crise económica entra pola porta, o ecoloxismo sae pola fiestra"
Hai máis conciencia ecolóxica na sociedade? Ou a crise económica e outras necesidades máis inmediatas relegan estas preocupacións a un segundo plano?
En Galicia hai un momento clave para a eclosión dunha conciencia dos problemas medioambientais, que foi o accidente do Prestige. A partir de aí vai crecendo esa conciencia de que algo non vai ben, e de que a solución pasa por cambios de modelo. Pero para que esa conciencia se traduza en cambios de hábitos hai que dar aínda un paso, e moito máis nun contexto de crise económica. Cando a crise económica entra pola porta, o ecoloxismo sae pola fiestra. Daquela escoitas dicir que 'todas esas medidas medioambientais están moi ben, pero que agora o prioritario é crear emprego'. E cando se fala de crear postos de traballo, fálase sempre de facelo empregando a ortodoxia económica que dominou estas últimas décadas. Queda aínda dar o paso dende as grandes proclamas ás pequenas accións. E ata que se dea ese paso, as grandes proclamas serven para pouco.
"Queda aínda dar o paso dende as grandes proclamas ás pequenas accións. E ata que se dea ese paso, as grandes proclamas serven para pouco"
Ese paso custa máis cando require un esforzo individual, como usar menos o coche privado, ou un certo sacrificio social, como pechar a central térmica das Pontes ou trasladar ENCE?
Hai un problema, que é enfrontar estes temas de forma moi compartimentada. Fálase de sacar a ENCE fóra da ría de Pontevedra, e daquela crece o discurso que alerta da perda de postos de traballo. Pero non se está falando de promover un novo modelo, de introducir en Pontevedra outro tipo de empresas e outro tipo de postos de traballo. Hai que traballar na construción de alternativas e aí as administracións teñen un papel que cumprir. Nós neste libro queremos axudar a esa construción de alternativas. Por moito activismo que teñamos os colectivos sociais, a realidade é que gran parte da capacidade de cambio reside nos poderes públicos e nos cartos públicos.
Falta impulso dende a administración?
Falta impulso dende a administración, si. Todo o relativo á educación ambiental está a nivel cero en Galicia, practicamente. Os cambio requiren un esforzo e un cambio de mentalidade, e se ademais o teu contexto administrativo e social non che pon as ferramentas necesarias para facilitar ese cambio de mentalidade, todo depende do voluntarista que sexas.
"Por moito activismo que teñamos os colectivos sociais, a realidade é que gran parte da capacidade de cambio reside nos poderes públicos e nos cartos públicos"
A gravidade de certas situacións, coma a escaseza de materias primas ou os efectos do cambio climático, sitúan as propostas (algunhas xa vellas) do ecoloxismo no primeiro plano do debate político?
O ecoloxismo é unha proposta transversal de mudanza da nosa realidade e iso abrangue todos os temas. E cada día as propostas do ecoloxismo teñen máis centralidade, porque as predicións e alarmas lanzadas dende o ecoloxismo demóstranse certas e son asumidas cada días por máis colectivos e institucións. Non nos alegra ter razón, pero a realidade fai que as propostas do ecoloxismo estean cada vez máis no centro do debate.
Como valoras o papel do ecoloxismo na política galega e española?
O papel do ecoloxismo na política española e galega foi cativo nas últimas décadas. Eu sempre botei de menos non un partido verde, pero si ser capaces de artellar algún tipo de forza que puidese conxugar todas as propostas de mudanza social e económica da nosa realidade e chegar ás institucións cun proxecto distinto. Isto, en realidade, non se deu en ningún país, nin sequera en Alemaña, porque os Verdes, que son quizais a referencia neste aspecto, tampouco chegaron a acadar esa transversalidade que necesitamos. Hoxe en día a realidade non está compartimentada, está todo enlazado, e necesitamos un enfoque global.
"Os militantes ecoloxistas deben dar un paso máis e mollarse, teñen que acceder ás administracións. E aí nacerán contradicións, pero sen contradicións non hai avance"
En maio hai eleccións municipais e hai moitas cuestións que tratades no libro, dende a xestión de residuos ata a mobilidade e o transporte, nas que os Concellos teñen un papel clave. Como introducilas no debate?
Creo que o único xeito é participando. O movemento ecoloxista ten que saír do seu espazo cómodo de denuncia, de proposta, de acción teórica. Os militantes ecoloxistas deben dar un paso máis e mollarse, teñen que acceder ás administracións. E aí nacerán contradicións, pero sen contradicións non hai avance. É o momento de participar no ámbito municipal, e hai moitas opcións nas que facelo, e é o momento de poñer sobre a mesa esas propostas alternativas.
Semella que o tema dos residuos vai estar presente, aínda que fose por mor da suba de prezos de Sogama...
O aspecto económico é sempre un dos grandes motores do cambio. O incremento de prezos de Sogama tocoulles os petos a moitas persoas, e aí creceu o debate sobre a xestión de residuos. No momento en que a escaseza de petróleo comece a provocar un incremento do prezos enerxéticos, tamén se acelerará o debate neste aspecto. Iso tardará un ano ou dez anos, pero vai obrigar a unha mudanza de modelo. O que nós queremos facer con este libro é promover que esta mudanza se faga de xeito ordenado e nun prazo máis amplo de tempo, para reducir os efectos sociais negativos. A outra opción é agardar a que todo explote e tomar decisións radicais por pura necesidade.
"O que queremos facer con este libro é promover que a mudanza se faga de xeito ordenado e nun prazo máis amplo, para reducir os efectos sociais negativos. A outra opción é agardar a que todo explote e tomar decisións radicais por pura necesidade"
Cando o litro de gasolina pase de 1,20 a 1,80 euros, o debate sobre mobilidade situarase no primeiro plano...
...Aí non vai haber nin debate, aí vai haber un cambio obrigado de usos de mobilidade. Porque non se poderá manter con eses prezos o actual ritmo de uso do vehículo privado. E o debate producirase a posteriori: mentres a xente busca solucións como pode, as administracións comezarán a pedir consello e alternativas. O que necesitamos é aplicar un cambio de paradigma dende xa, un plan a 10, 15 ou 20 anos. Pero é algo que as administracións hoxe nin contemplan. O actual goberno da Xunta anunciou a comezos da lexislatura un plan de mobilidade alternativa, un plan moi bo, elaborado por unha consultora con moita experiencia nestes asuntos. Porén, é un plan que nunca tivo orzamento, nunca se aplicou e que está metido nun caixón dende entón.