Quen ten medo da filosofía?

Facultade de Filosofía © USC

Este sábado realizaranse lecturas e debates públicos de textos para denunciar a proposta do Goberno, recollida na Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), de reducir significativamente a presenza da Filosofía no Ensino Secundario. Haberá actos en lugares públicos emblemáticos de toda España. En Galicia a cita é na praza do Toural, en Compostela, ás once da mañá.

En Galicia a cita é na praza do Toural, en Compostela, ás once da mañá

O acto está organizado pola Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, a Sociedade Galega de Filosofía (SOGAFI), a Aula Castelao de Filosofía e o Grupo Doxa de Filosofía, que se suman á iniciativa promovida pola Rede Española de Filosofía (REF). Os convocantes consideran que este recorte "contradí os obxectivos declarados da LOMCE: menos Filosofía é menos Calidade". Afirman tamén que contradí tamén as recomendacións da UNESCO, que considera que a Filosofía, como escola de liberdade, debe formar parte do currículo básico en todos os sistemas educativos do mundo.

Os convocantes consideran que este recorte "contradí os obxectivos declarados da LOMCE: menos Filosofía é menos Calidade"

Defenden que os estudos de Filosofía "proporcionan unha formación non só necesaria, senón tamén moi valiosa", que inclúe "unha formación instrumental no uso rigoroso da linguaxe oral e escrita, e na comprensión de conceptos e problemas, que axuda a mellorar as capacidades de razoamento e comunicación; unha formación transversal e interdisciplinar, que permite conectar os diversos saberes do currículo e desenvolver unha maior capacidade de xuízo para afrontar a complexidade do mundo contemporáneo; unha formación histórica básica sobre os grandes sistemas de pensamento que configuraron e seguen a configurar a identidade cultural de Occidente; e unha formación integral que axuda a conciliar o coñecemento, a moral e a sensibilidade, e que é imprescindible para a maduración persoal e cualificación profesional".

Facultade de Filosofía © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.